HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación visita en Vilagarcía de Arousa as obras de mellora do...

A Deputación visita en Vilagarcía de Arousa as obras de mellora do acceso ao Piñeiriño, nas que investiu máis de 214.000 euros a través do Plan +Provincia

- Anuncio -spot_img

O deputado provincial Javier Tourís, xunto co alcalde Alberto Varela, comprobou o resultado duns traballos que converteron a rúa Wenceslao Fernández Flórez nun espazo máis accesible e seguro tanto para o tráfico rodado como para o tránsito peonil

O deputado provincial Javier Tourís, acompañado do alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, visitou este xoves as obras de mellora do acceso ao barrio do Piñeiriño a través da Rúa Wenceslao Fernández Flórez, unha actuación financiada pola Deputación de Pontevedra cunha achega económica de 214.000 euros a través do Plan +Provincia. A actuación, sinalou o deputado, “permite ao concello seguir avanzando no seu modelo urbano, e diso é do que trata este plan: permitir que os concellos teñan á súa disposición estes importantes recursos para desenvolver os proxectos nos que cren”. Neste sentido, Javier Tourís reiterou o compromiso da Deputación con Vilagarcía e sinalou que “seguiremos neste camiño, atendendo as súas necesidades como fixemos e demostramos ata agora”.

Tourís lembrou que “a nosa máxima é respectar a autonomía municipal porque somos o goberno do municipalismo, así que estamos encantados de que as achegas da Deputación sirvan para actuacións coma esta, que teñen unha repercusión moi directa na mellora da calidade de vida da veciñanza de Vilagarcía e na mellora urbana da vila”. Grazas a estas achegas transformouse unha vía con carencias en accesibilidade e seguridade para convertela nun espazo funcional e seguro para o tránsito peonil e o tráfico rodado “harmónico e seguro”: a ampliación da plataforma permite xa o acceso de vehículos máis pesados, e as beirarrúas máis amplas garanten unha circulación cómoda das persoas, especialmente aquelas con mobilidade reducida. As obras financiadas polo +Provincia incluíron a instalación de redes soterradas, para contar con infraestruturas máis modernas e máis eficientes e gañar en calidade estética, a renovación de toda a sinalización e a instalación de pasos peonís.

O deputado provincial sinalou que as obras tamén repercuten na mellora do acceso ao polideportivo de Fontecarmoa, unhas instalacións onde a Deputación xa investiu preto de 1,7 millóns de euros a través de plans como o PON2030, o Plan Concellos, o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. “De feito, recentemente aprobamos unha achega de case 170.000 euros para a reforma das pistas de atletismo, xusto a través do segundo Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas”, lembrou. Javier Tourís tamén agradeceu a veciñanza que cedeu parte das súas parcelas “para que esa ampliación da vía fose posible”.

Publicacións Relacionadas