A deputada de Termalismo, Ana Villarino, participou esta mañá en Arnoia na Asemblea da Sección de Entidades Locais con Augas Minerais e Termais da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), reunión enmarcada no XVI Encontro de Vilas Termais celebrado esta fin de semana e que foi inaugurado onte polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.
Na asemblea desta mañá participaron, entre outros, o alcalde de Cuntis e presidente desta sección da FEMP, Manuel Campos; o alcalde de Arnoia e vicepresidente primeiro da mencionada sección, Rodrigo Aparicio; a alcaldesa de Alange e vicepresidenta segunda de Vilas Termais, Julia Gutiérrez; a alcaldesa de Boborás e deputada, Patricia Torres; o alcalde de Carballiño, Francisco Fumega; a alcaldesa de Cenlle, Rebeca Sotelo; ou o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez.
O programa da xornada de hoxe inclúe a presentación dun proxecto da FEMP que se enmarca no plan “Experiencias Turismo España”, dentro do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia; unha presentación sobre a historia da EHTTA; o 150 aniversario da vila termal de Mondariz; ou a presentación de Termatalia Uruguai 2023, ademais das visitas a Arnoia e Ribadavia.



