HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA exdeputada de Memoria Histórica María Ortega insta á Deputación a defender...

A exdeputada de Memoria Histórica María Ortega insta á Deputación a defender a Illa de San Simón fronte a actos frívolos como a ‘festa pirata’ do ‘+QBachata VIP Congress’ deste domingo  

- Anuncio -spot_img

A nacionalista lamenta a inacción do vicepresidente Domínguez fronte á postura reivindicativa do anterior goberno reclamando “respecto” para o espazo de memoria

A ex deputada de Memoria Histórica María Ortega instou hoxe á Deputación a defender San Simón fronte a actos frívolos como a ‘festa pirata’ do ‘+QBachata VIP Congress’ que terá lugar este domingo na illa. Ortega, responsable da área memorialista provincial entre 2019 e 2023, preguntouse “que está a facer”, en xeral, ese departamento nestes momentos e criticou a “inacción” e “total desaparición” do vicepresidente Rafa Domínguez, fronte á postura reivindicativa do anterior goberno á hora de reclamar respecto para o espazo de memoria na ría de Vigo. “É preciso que a Deputación se posicione: que diga se está de acordo con actividades frívolas e lucrativas en San Simón ou non, e se non o está, que reclame a cancelación deste acto”, esixiu a deputada.

Ortega, quen mantivo contactos con representantes do colectivo da Iniciativa Galega para a Memoria (IGM), pide respecto á memoria das persoas que estiveron presas no campo de concentración franquista. Subliña que a Illa de San Simón foi “un espazo de represión, tortura e terror para miles de persoas represaliadas polo franquismo polo feito de defender políticas contrarias ao réxime ditatorial do 36”.

A deputada nacionalista afirma que nunca se debeu autorizar unha actividade como a festa pirata por parte da Xunta, xa que esta podería celebrarse en calquera outra localización sen ter que “pisar” a memoria das familias das persoas presas.  Lembra Ortega que, a pesares de que San Simón está declarado BIC, non é a primeira vez que se organizan este tipo de  festas, xa que é habitual que empresas privadas desenvolvan na illa procuras do tesouro, festivais, ceas e todo tipo de celebracións e actos lúdicos que non son propios dun espazo con seu significado e simbolismo.

“É necesario poñer freo a estas afrontas”, destacou Ortega, quen solicitou publicamente á Xunta a necesidade dun plan de usos que regule o espazo e prime a súa función como lugar de memoria histórica democrática, natural e cultural que merece coidado e dinamización, “sendo tratado con respecto e sensibilidade”.

Por outra banda, Ortega considera que a Deputación de Pontevedra, como goberno que conta cun departamento propio de Memoria Histórica non se pode poñer de perfil con situacións como a deste domingo. Lembra a nacionalista que, ata o de agora, ao goberno provincial non se lle coñecen actuacións nin iniciativas que potencien o movemento memorialista nin que defendan “a verdade, xustiza e reparación das vítimas”.

“Se realmente a área de Memoria provincial non é unha simple ‘pose’ de cara á galería para o PP, se houbese alguén á fronte, saltarían as alarmas nun tema coma este. É necesario que Domínguez, que di ter unha sensibilidade persoal cara a memoria histórica, dea a cara. Se como pensa todo o colectivo memorialista, el tamén pensa que San Simón non debe acoller actos frívolos, coa responsabilidade que ten na materia, debe facer forza para que a Xunta cancele a actividade”, insiste, lembrando a cantidade de iniciativas e protestas realizadas neste sentido polo anterior goberno provincial, co BNG á fronte.

A actividade organizada para este domingo en San Simón que levantou a polémica é unha festa para asistentes VIP e ‘golden pass’ do congreso ‘+QBachata’ que se celebra a finais desta semana en Redondela. Na programación indícase que as persoas que asistan deben vestir cun ‘dresscode’ pirata.

Publicacións Relacionadas