O presidente provincial, Luis Menor, valorou a importancia das melloras inauguradas hoxe e realizadas no Hospital de Verín, (posta en servizo do novo edificio de Urxencias e PAC de Verín, no que a Xunta investiu 4,5 millóns de euros) pois “amosan o compromiso da Xunta coa potenciación dos hospitais comarcais, que son un piar básico e un elemento vertebrador para achegar unha asistencia sanitaria de calidade ao conxunto da cidadanía”. De feito, recalcou que “a execución do novo edificio supón un antes e despois no hospital, que medra tanto en dimensións como en calidade asistencial”.
Lembrou tamén Menor que o compromiso da Xunta co crecemento e coa mellora continua do Hospital de Verín é firme, asegurando unha atención de calidade para máis de 46.400 veciños do distrito sanitario de Verín e cada ano atende preto de 15.000 urxencias hospitalarias e a través do Punto de Atención Continuada.
O novo edificio das Urxencias e do PAC do Hospital de Verín, que abrirá as súas portas este xoves, supón ofrecer aos pacientes e aos profesionais unhas instalacións máis modernas, accesibles e confortables. A nova infraestrutura triplica a superficie das anteriores Urxencias e libera espazo no hospital matriz, o que permitirá mellorar servizos que precisan ampliar a súa capacidade como ocorre co Hospital del Día.