HomeDeputaciónsDeputación LugoA Semana Santa de Lugo sairá á rúa con 12 procesións, co...

A Semana Santa de Lugo sairá á rúa con 12 procesións, co apoio da Deputación

- Anuncio -spot_img

– O Deputado de Promoción Económica e Social participou este luns na Catedral na presentación da programación desta cita relixiosa e cultural, que arrincará co pregón o 25 de marzo coa colaboración da institución que achega 12.000€

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este luns na Sala Capitular da Catedral de Lugo na presentación da programación da Semana Santa de Lugo 2026, que sairá este ano con 12 procesións coa colaboración da Deputación. A institución provincial achega 12.000€ á Xunta de Confrarías para a celebración desta cita relixiosa e cultural de gran tradición na capital lucense, contribuíndo á súa a posta en valor como evento declarado de Interese Turístico de Galicia e o seu impulso por acadar tamén recoñecemento nacional.

Durante a presentación, Pablo Rivera destacou que a Semana Santa de Lugo, que arrincará co pregón o vindeiro 25 de marzo, “é unha festa de devoción, pero tamén un encontro familiar e unha oportunidade para atraer visitantes e impulsar o turismo experiencial e cultural, un dos obxectivos que perseguimos colaborando con esta festividade”.

O Deputado puxo tamén en valor o traballo das confrarías lucenses, responsables de manter viva esta tradición. “É moi difícil traducir en palabras o esforzo que realizan durante todo o ano para que todo saia adiante nunha semana na que ás veces o tempo non acompaña e na que hai moito traballo detrás”.

Programación da Semana Santa de Lugo

A programación da Semana Santa de Lugo 2026 arrincará o 25 de marzo coa lectura do pregón na Igrexa da Nova a cargo de José Antonio Roldán, Comandante Militar de Lugo e xefe do Campo de Manobras e Tiro de Parga, e continuará o 26 de marzo co II Concerto A Música Tradicional Galega nas Marchas Procesionais no Auditorio do Vello Cárcere. O 27 de marzo celebrarase o solemne Vía Crucis na praza Pío XII e na Catedral, presidido polo Bispo Alfonso Carrasco Rouco, no que o paso do Cristo de Misericordia será portado por 40 mulleres. O 28 de marzo terá lugar o IX Concerto de Música Sacra na Igrexa de San Pedro a cargo da Banda Filarmónica de Lugo.

Xa durante a Semana Santa, o 29 de marzo, Domingo de Ramos, abrirán as procesións a Borriquita e a Virxe das Dores, seguido o Luns Santo pola Virxe da Esperanza, o Martes Santo polo Bo Xesús e o Nazareno, o Mércores Santo polo Santo Cristo do Perdón e Nosa Señora da Piedade, e o Xoves Santo coa procesión da Santa Cea. O Venres Santo percorrerán a cidade a Paixón do Señor, o Desencravo, o Santo Enterro e a Virxe da Sociedade (As Caladiñas). O Sábado Santo terá lugar a procesión da Virxe da Piedade, do Santo Rosario e o Vía Crucis, rematando coa solemne Vixilia Pascual, mentres que o Domingo de Pascua celebrarase o Santo Encontro, a Misa Pontifical de Resurrección e a procesión do Cristo Resucitado ao remate da misa.

Publicacións Relacionadas