A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, asistiu este martes no Porto de Vigo aos actos convocados por entidades sociais da provincia en conmemoración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade cos lemas “Baixo o mesmo paraugas” e “Vigo pola diversidade”. A vicepresidenta asegurou que “Vigo é unha cidade unida e solidaria, que hoxe lle dá voz ás 250.000 persoas con discapacidade recoñecida que hai só na provincia de Pontevedra” e que “día a día se enfrontan a barreiras físicas, sociais, económicas e actitudes que as exclúen de participar da forma efectiva como membros iguais na sociedade: isto, en pleno século XXI, costa comprendelo”.
Luisa Sánchez fixo un chamamento a “eliminar todas esas barreiras, o estigma e a institucionalización da discriminación”, e puxo o foco no labor que “debe partir das administracións” a prol da inclusión. “Todo o que se avanzou non é suficiente e necesitamos un esforzo conxunto para o que esta Deputación é e será unha aliada”, con programas como Pontevedra, provincia +Inclusiva.