A Deputación colabora un ano máis nesta festa, que se celebra este fin de semana e porá á disposición do público unhas 2.500 pezas de pan
Na presentación da Festa, Manuel Baltar recoñeceu o “formidable traballo” do Consello Regulador da IXP Pan de Cea e do Concello de San Cristovo de Cea na posta en valor e desenvolvemento deste produto “icona da nosa gastronomía e un motor económico para Cea”
O sábado 1 de xullo terá lugar a IX Ruta dos Fornos, na que os visitantes poderán degustar diversos petiscos en 7 fornos tradicionais diferentes
A Festa de Exaltación do Pan de Cea chega este fin de semana á súa edición número trinta co apoio da Deputación de Ourense e cunha previsión de venda de 2.500 pezas, segundo remarcouse esta mañá na presentación desta tradicional cita gastronómica, que contou coa presenza do presidente da Deputación, Manuel Baltar; o alcalde de San Cristovo de Cea, José Luis Valladares; e o presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pan de Cea, Carlos Rodríguez.
Manuel Baltar recoñeceu o “formidable traballo” do Consello Regulador da IXP Pan de Cea e do Concello de San Cristovo de Cea na posta en valor e desenvolvemento deste produto “icona da nosa gastronomía e un motor económico para Cea”. Neste sentido, lembrou que “a Deputación sempre estivo, está e estará ao carón da Festa do Pan de Cea, acompañando a un produto como este, corazón da nosa provincia e auténtico emblema da ourensanía”.
Pola súa banda, José Luís Valladares agradeceu “o apoio desde sempre” da Deputación de Ourense e desexoulle o mellor ao presidente na nova lexislatura. O alcalde puxo en valor tamén a programación paralela á Festa de Exaltación, como a IX Ruta dos Fornos que terá lugar o sábado 1 de xullo. “Recordo que comezamos coa Ruta dos Fornos como unha proba e o seu éxito é tal que case que estamos desbordados”, apuntou José Luís Valladares.
Programa da XXX Festa de Exaltación do Pan de Cea
O presidente do Consello Regulador, Carlos Rodríguez, desglosou o programa de actividades para esta fin de semana. Así, a xornada grande, o domingo 2 de xullo, abrirase cun pasacalles ás 10.00 horas coa charanga CLK. Ás 12.00 horas terá lugar a recepción de autoridades no Campo da Saleta.
A continuación inaugurarase a exposición “Camiño a Santiago”, do escultor ourensán Acisclo Manzano. Tras os acordes da Charanga CLK, ás 13,00 horas terá lugar o pregón da XXX Festa de Exaltación do Pan de Cea, que este ano correrá a cargo do xornalista Marcial Mouzo, coñecido locutor da Radio Galega que dirixe as madrugadas da Radio Galega co seu programa “Pensando en ti”. Unha vez finalizada a súa intervención, ofrecerase unha degustación de produtos galegos con distintivo de calidade e a entrega de agasallos dos colaboradores. Troula Group e a Charanga Ardores encargaranse da ambientación musical.
Xa ás 14.30 horas terá lugar o tradicional xantar organizado coa degustación de produtos galegos con indicativo de calidade como empanada da IXP Ternera Gallega, polbo á feira e carne ao caldeiro da IXP Ternera Gallega con IXP Pataca de Galicia e IXP Castaña de Galicia, acompañado polo Pan de Cea tamén con IXP. De sobremesa, queixos das DOP de Galicia, acompañados coa IXP Mel de Galicia, Requeixo das Neves con marmelada Nela Biosense, IXP Tarta de Santiago e, finalmente, café. Todo regado con Sidra de IXP Agricultura Ecolóxica de Galicia, viños galegos con Denominación de Orixe e Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia. “Temos a previsión de que acudan unhas 400 persoas”, concretou Carlos Rodríguez. Ás 18:00 horas, a actuación da Charanga Ardores acompañará a unha degustación gratuíta de embutido tradicional con Pan de Cea.
Durante toda a xornada, haberá un espazo expositivo no que participarán unha vintena de empresas de diversos sectores. Artesanía e gastronomía daranse cita nesta mostra feiral, que se complementará cun posto institucional onde se exporán produtos amparados por distintos Consellos Reguladores agroalimentarios galegos e co expositor do Instituto Ourensano de Desenvolvemento Económico (Inorde).
IX Ruta dos Fornos e animación musical
O sábado 1 de xullo terá lugar a novena edición da Ruta dos Fornos. “O público poderá visitar os sete fornos antigos, un máis ca na edición anterior, gozando de experiencias gastronómicas singulares en cada un deles”, concretou o presidente do Consello Regulador.
A IX Ruta do Fornos poderase percorrer este sábado 1 de xullo, entre as 18,30 e as 22,30 horas. Os tickets están á venda nos bares e no Concello de Cea durante os próximos días. Son limitados e o propio sábado haberá algúns á venda na Praza Maior de Cea. As propostas gastronómicas nos sete fornos participantes son as seguintes:
-Forno do Lodairo: pepito de IXP Ternera Gallega calidade suprema, embutidos tradicionais, DOP pementos de Herbón, viño branco e tinto, cervexa Estrella Galicia e auga
-Forno do Parapeta: mexillóns á vinagreta e ao vapor, embutidos tradicionais, viño branco e tinto e auga
-Forno do Santo: empanada de IXP Ternera Gallega Calidade Suprema en masa de Pan de Cea, embutidos tradicionais, viño branco e tinto e auga
-Forno do Abade: queixos das DOP de Galicia, embutidos tradicionais, viño branco e tinto e auga
-Forno da Cebola: tortilla de IXP Pataca de Galicia, embutidos tradicionais, viño branco e tinto (apto para persoas celíacas)
-Forno da Eira: xamón a corte, embutidos tradicionais, viño branco e tinto e auga
-Forno da Cruz: ovo cocido, embutidos tradicionais, viño branco a tinto e auga
A IX Ruta dos Fornos combinarase coa animación musical das agrupacións, Candaira, Feitizo de Pau, Pikafoles, Pandereteiras de Celavella, Xunquereteiras e Pratos Mornos. O concerto final da novena edición desta ruta correrá a cargo do grupo de versións La Banda na Praza Maior de San Cristovo de Cea, a partir das 23:00 horas.
Incremento da produción
Con respecto á comercialización de produtos da IXP Pan de Cea, Carlos Rodríguez indicou que “agardamos que as vendas deste ano superen os 700.000 euros, unhas vendas ás que se suman os mercados fóra de Galicia e a venta online. Cada vez o Pan de Cea está máis presente en toda toda España: Madrid, Andalucía, Asturias, Valencia, Estremadura, entre outros. Véndese directamente a restaurantes, tendas especializadas e incluso grupos de familias co demandan”.
Na actualidade son 13 os fornos tradicionais inscritos no Consello Regulador, os mesmos que o ano pasado. Algúns destes fornos distribúen o 80% da súa produción fóra de Galicia.