Participan no programa persoas da Estrada, Lalín e Silleda que desde este martes e ata o 15 de febreiro recibirán no Viveiro de Empresas do Polígono Industrial Lalín 2000 formación especializada para impulsar ou consolidar os seus proxectos
As iniciativas emprendedoras están centradas na economía social, na alimentación, na comunicación, no benestar de mascotas e na organización de eventos networking gastronómicos e de obradoiros para mulleres rurais
O Programa de Crecemento Empresarial da Deputación arranca este martes no Viveiro de Empresas do Polígono Industrial Lalín 2000, coa participación de seis proxectos emprendedores vinculados aos concellos da Estrada, Lalín e Silleda. Trátanse de iniciativas empresariais en fase inicial e de consolidación que están centradas na economía social, na alimentación, na comunicación, no benestar de mascotas e na organización de eventos networking e de obradoiros dirixidos a mulleres rurais. A partir deste martes, e ata o 15 de febreiro de 2024, as persoas participantes recibirán un completo programa formativo que os axudará a lanzar e/ou consolidar os seus proxectos emprendedores.
María Dolores Méndez, da Estrada, participará no Programa de Crecemento Empresarial da Deputación en Lalín co proxecto “Mulleres Rurais Avelina Valladares”, unha asociación sen ánimo de lucro que busca recoñecer o traballo das mulleres mediante obradoiros e actividades relacionadas coa muller no rural. Pola súa banda Cristina González Salgado, de Silleda, procurará impulsar “Amarelas”, unha empresa de economía social que pretende compartir o valor da terra a través do turismo sostible e creativo, contribuíndo ao desenvolvemento local e promovendo prácticas turísticas éticas e respectuosas.
De Lalín participarán un total de catro proxectos liderados por José Luis Valladares (Plazeite), Laura Moure Miguélez (Ecos da Comarca), Silvia Ferreiro Taboada (Viralatas Petshop) e Silvia Panadeiros Vence (Eventos Work). “Plazeite” trátase dun proxecto de venda de aceite de provedores nacionais; “Ecos da Comarca” é un medio de comunicación para cubrir as necesidades dos concellos da contorna de Lalín; “Viralatas Petshop” é unha tenda de produtos de alta calidade para o benestar das mascotas, dende alimentación ata saúde, descanso, paseo ou xoguetes; e “Eventos Work” trátase dunha iniciativa para organizar eventos networking gastronómicos.
Ao longo dos próximos meses, estas seis iniciativas emprendedoras das comarcas do Deza e Terra de Montes participarán nun completo programa formativo que abrangue sesións de formación grupais, de carácter dinámico e innovador, para potencialas ao máximo e favorecer a colaboración e creación de sinerxías entre os participantes. Ademais, tamén recibirán asesoramento personalizado e individualizado para afondar en temas vinculados á competitividade, o emprendemento, a identidade corporativa ou as novas tecnoloxías. En concreto, aprenderán sobre modelos de negocio, plan de empresa e plan de márketing dixital, redes sociais, márketing de contidos, finanzas e fiscalidade para emprendedores, a metodoloxía ‘Lego Serious Play’, ou outdoor training, entre outras.