Home Deputacións Deputación Pontevedra As Deputacións de Pontevedra e Valencia impulsan accións conxuntas nun marco de...

As Deputacións de Pontevedra e Valencia impulsan accións conxuntas nun marco de estreita cooperación

- Anuncio -

Ambas institucións compartiron as súas boas prácticas nos eidos da igualdade, os plans de investimentos, o turismo, a Axenda 2030 e o deporte no encontro na sede valenciana

Carmela Silva e o seu homólogo Antoni Gaspar concordaron en apoiar o impulso á conexión aérea entre Valencia e Rías Baixas para reactivar o sector turístico e comercial

Nun ambiente de excepcional cordialidade e afán de colaboración mutua, a presidenta provincial Carmela Silva mantivo esta mañá en Valencia un encontro institucional co seu homólogo Antoni Gaspar, no que os responsables de ambas deputacións sentaron as bases para impulsar distintas accións conxuntas e cooperar en eidos como a igualdade, o turismo, os plans de investimentos nos concellos, o medio ambiente e a Axenda 2030, e o deporte.

A presidenta provincial, acompañada polo deputado Gorka Gómez, foi recibida na sede da Deputación de Valencia polo presidente Antoni Gaspar e polo vicepresidente Carlos Fernández Bielsa. Trala foto de familia ante a escaleira imperial do inmoble, Carmela Silva asinou no libro de honra da institución, nun acto celebrado no Salón de Plenos, onde recibiu como obsequio a figura de porcelana “A lectora”, “porque as Deputacións son femininas, como subliñou Gaspar. Pola súa banda, Carmela Silva fíxolle entrega da escultura da camelia elaborada pola artista Ana Tenorio, Premio Nacional de Artesanía, e do libro “Polos vieiros do fabulador” de Cunqueiro, editado pola Deputación e Galaxia. De seguido, visitaron a exposición “Arqueoloxía dunha icona”, que conmemora os 90 anos do achado da figura de bronce de orixe ibera O Guerrero de Moixent e analiza a repercusión social deste símbolo do patrimonio valenciano.

Na posterior reunión de traballo, a presidenta e o presidente valenciano concordaron en apoiar o impulso do reforzo da conexión aérea entre o aeroporto de Vigo-Rías Baixas e o de Manises, a fin de reactivar o sector turístico entre ambos territorios e promover relacións comerciais e económicas. Carmela Silva e Antoni Gaspar afondaron deste xeito na liña xa adiantada pola Generalitat valenciana e o Concello de Vigo e subliñaron que o cada vez maior volume de turistas entre ambos territorios e o incremento das empresas con intercambios comerciais veranse “claramente beneficiados” con este reforzo das conexións aéreas.

No encontro tamén puxeron en común as distintas iniciativas que ambas administración están a levar a cabo como na igualdade na que ambas as dúas institucións son pioneiras e teñen convertido o seu compromiso nun referente máis aló das súas comunidades autónomas. A presidenta provincial presentou a Antoni Gaspar o programa Violencia Zero de sensibilización contra as violencias machistas da man das accións de artistas galegas, así como as actividades da pioneira Escola de Igualdade María Vinyals. O presidente valenciano coincidiu na importancia de que a igualdade sexa transversal a todas as áreas de goberno e subliñou o programa Feminario, moi en liña con accións da Deputación de Pontevedra como Mulleres que Opinan, o programa Descúbreas de empoderamento para as mozas que buscan abrirse paso na industria musical, ou os recentes premios Mulleres no Foco, para render homenaxe ao talento feminino no audiovisual.

A posta en valor e a necesidade de contar con plans de investimentos nos concellos con criterios obxectivos, centrados no impulso á Axenda 2030 e respectando a autonomía municipal, foi abordado tamén na reunión. Ambas as dúas administracións coincidiron nos beneficios dos plans que desenvolven tanto Pontevedra como Valencia, como son “a eliminación da burocracia, a planificación a longo prazo e a liberdade de decisión dos pequenos municipios”. O Plan de Investimentos de Valencia e o Plan Concellos “son exemplos deste modelo”.

No que atinxe ao turismo, coincidiron na idea de fomentar accións conxuntas para promocionar o Roteiro dos Fenicios e xerar un produto turístico internacional de calidade en torno á arqueoloxía. Hai que lembrar que Valencia foi un dos escenarios da exposición impulsada pola Deputación “Galaicos: Un pobo entre dous mundos”, que se exhibiu no Museo da Prehistoria cunha gran acollida, e que o patrimonio en torno a esta antiga ruta comercial conecta as provincias de Valencia e Pontevedra. A idea de ambas administracións pasa por sumar sinerxías para desenvolver accións conxuntas a fin de promocionar este roteiro a nivel internacional e mesmo aproveitar a captación de fondos Next Generation no marco da Estratexia de Creación, Innovación e Fortalecemento de Oferta País, a próxima convocatoria de produto turístico.

Carmela Silva e Antonio Gaspar tamén falaron doutros puntos en común como as iniciativas levadas a cabo no marco da Axenda 2030, entre elas o estudo para a adaptación das ordenanzas fiscais ás directrices da axenda nos pequenos concellos. A presidenta salientou o papel de ambas administracións no impulso da transición verde e a sostibilidade nos municipios, con proxectos “que son exemplos das boas prácticas desde as provincias para o impulso da eficiencia enerxética e a transición verde nos pequenos concellos”. “As deputacións poden ter un papel protagonista na xestión dos fondos Next Generation e en impulsar as políticas panca do Plan de Recuperación no municipios do reto demográfico”. Finalmente, no ámbito deportivo, analizaron o papel das deputacións no fomento do deporte base e no eido da inclusión, con especial referencia á accesibilidade e a visibilización do deporte feminino.

Relacionadas

O Concello de Redondela demanda ás administracións autonómica e estatal o arranxo das estradas

0
-O goberno local urxe as obras de humanización da avenida Mendiño en Redondela e a segunda fase da avenida de Vigo en Chapela, que...

Baiona participa na VI edición do Día das Vilas Mariñeiras que se celebrará en...

0
A Concellería de Turismo de Baiona, está a traballar para levar tamén a unha representación da veciñanza baionesa. O Concello de Baiona desprazará a...

O Concello de Covelo adestra corpo e mente da man da Universidade de Vigo

0
A sesión práctica deste primeiro seminario tivo lugar onte xoves cunha ruta radio saudable Un ano máis, o Concello de Covelo e a Universidade de...

Aberta a convocatoria para participar na segunda edición da Residencia FICBUEU

0
O prazo de inscrición estará aberto desde o luns 15 de abril ao 15 de maio O Festival Internacional de Cinema de Bueu acaba de...

Baiona acolle o curso gratuíto para o exercicio profesional de socorrismo acuático

0
A Xunta de Galicia convoca a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) o "Curso de Formación Específica de Socorrismo en Instalacións e...

200 persoas inscritas para a andaina cultural deste domingo

0
A andaina percorrerá a Ruta de Montes e Praias e contará co actuación do Coro de Cámara Thalassa na Igrexa de Santa María do...

Publicacións Relacionadas