O comité executivo da Asociación de Cidades Históricas Termais de Europa ( EHTTA), presidido por Manuel Baltar, aprobou hoxe os orzamentos desta entidade para 2021 e presentou o programa de actividade, “todas dirixidas a potenciar o binomio turismo-termalismo para impulsar as economías provinciais e locais”, afirmou Baltar
O presidente da Deputación de Ourense e presidente da Asociación de Cidades Históricas Termais de Europa ( EHTTA), Manuel Baltar, dixo na reunión de comité executivo desta entidade –celebrada telemáticamente- que o termalismo “é parte da solución á crise económica do COVID-19, por tratarse dun modelo de turismo que engloba saúde, sustentabilidade e potenciación das economías locais e provinciais”.
Baltar, quen presidiu o primeiro encontro do ano de rede pública europea máis importante do ámbito termal, destacou a importancia, “agora máis que nunca, de poñer en valor os elementos que fixeron, secularmente, da riqueza termal un signo característico dos territorios máis innovadores e puxantes de Europa”. Neste sentido, agradeceu o traballo que están a desenvolver os territorios pertencentes á asociación EHTTA, que engloba a 51 sitios termais de 18 nacionalidades, “nun momento tremendamente difícil sanitaria, económica e socialmente, pero que afrontamos co convencemento de dispoñer nas nosas contornas dun ben como é a auga termal, que significa unha marca de calidade, seguridade e distinción para o novo modelo turístico que se poñerá en marcha na era poscovid”.
Na reunión, o comité da EHTTA aprobou os orzamentos desta entidade para 2021 e presentou o programa de actividade, “todas dirixidas a potenciar o binomio turismo-termalismo para impulsar as economías provinciais e locais”, remarcou Manuel Baltar, cuxa Presidencia na asociación termal foi prorrogada polo comité ata o outono de 2022, tendo en cuenta que este ano correspondía levar a cabo as eleccións no seo da entidade, pero por cuestións da pandemia decidiuse prorrogar, unha decisión que será ratificada na próxima asemblea xeral da EHTTA, que se celebrará en san Pedro do Sul (Portugal) do 12 ao 14 de maio.
Ademais, no encontro, a directora executiva da EHTTA, Simone Zagrodnik, deu conta das reunións técnicas, científicas e políticas levadas a cabo en 2020 e avanzou os eventos que a rede celebrará en 2021, entre eles o Día Europeo do Patrimonio Termal, o 14 de outubro, e o Forum e Congreso termal internacional da EHTTA, que terá lugar en Vichy (Francia) do 3 ao 5 de novembro. Así mesmo, na reunión presentáronse as conmemoracións que en Europa e no mundo levarán a cabo este ano para potenciar a marca de saúde dos territorios termais, entre elas, o Día Mundial da auga (22 de marzo), O Día Mundial de Benestar (12 de xuño) ou o Día do Patrimonio Europeo (no mes de setembro).