Carmela López celebra o España-Cabo Verde na fan zone que impulsa a Deputación en Burela

Redacción

– A Presidenta participou nas diferentes actividades organizadas na localidade en torno ao partido do Mundial de fútbol 2026, para as que a institución provincial achegou 20.000€: concertos, intervencións artísticas, ou competicións deportivas

– “Este festival dá resposta á realidade multicultural do concello e sitúa á provincia como referente na cohesión comunitaria”, valorou a responsable provincial, que se achegou tamén ata a Praza da Mariña para seguir o encontro a través da pantalla xigante

A Presidenta da Deputación, Carmela López, celebrou este luns o partido do Mundial de fútbol entre España e Cabo Verde na fan zone que impulsa a institución provincial en Burela. Miles de persoas desfrutaron dos concertos, intervencións artísticas ou competicións deportivas nunha xornada que contou coa retransmisión do encontro nunha pantalla xigante situada na Praza da Mariña. A iniciativa, organizada pola entidade Fanto Fantini, contou cunha achega de 20.000€ provinciais.

“Este festival De Cabo a Cabo dá resposta á realidade multicultural do concello e sitúa á provincia como un referente na cohesión comunitaria. Unha oportunidade de integrar cultura, deporte e economía local nunha localidade na que contamos con un 10% de persoas de orixe caboverdiana”, valorou a responsable provincial que, ao longo de toda a tarde, percorreu os diferentes espazos da cita.

A Praza da Mariña foi o escenario principal dun evento que contou con diferentes localizacións repartidas por toda a vila. Neste punto instalouse a pantalla xigante para a retransmisión do partido de fútbol e foi tamén o espazo para a música e a intervención artística de Alicia Alonso. No parque Rosalía de Castro e na praia urbana xogáronse diferentes torneos de fútbol 3×3 e fútbol praia e os gañadores levaron a camiseta do futbolista galego Borja Iglesias.

Baiuca, un dos proxectos musicais galegos con maior proxección internacional e referente da fusión entre tradición e electrónica contemporánea, foi una das principais propostas musicais nun cartel que contou con artistas ligados ás escenas afroatlánticas e electrónicas como DJ Danifox, DJ Kandole, Batuko Tabanka, Lilaina ou Saya.

A achega da institución provincial serviu para cubrir a infraestrutura técnica e loxística necesarias, axudar á contratación das actividades, afrontar os gastos da organización e da loxística operativa indispensable para o desenvolvemento deste evento.

Comparte este artigo