– No marco deste encontro, a Presidenta e a Alcaldesa do municipio deron a coñecer un novo proxecto que servirá para humanizar a contorna do campo da feira e construír un parque infantil por un importe conxunto de case 230.000€
– Carmela López avanzou que a institución provincial colabora con esta iniciativa a través dun convenio e do Plan Deputación 2026 “que funciona, é útil e xusto e, ademais, distribúe os recursos de maneira obxectiva”
– Pola súa banda, Marta Rouco valorou “moi positivamente” este modelo de cooperación institucional, “porque permite que todos os municipios teñamos oportunidades reais de desenvolver proxectos e mellorar os nosos espazos públicos”
– Ambas mandatarias supervisaron tamén o resultado das obras realizadas con cargo á Deputación: no parque Rosalía de Castro; na rúa Benxamín Paz; na vía de acceso ao Grupo As Fontiñas; na biblioteca municipal e na estrada que une Vilalba con Momán
A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, xunto á Alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, comprobou este xoves o avance dos investimentos que a institución provincial está a executar no municipio e que están a contribuír á transformación e mellora do seu centro urbano. No marco desta visita, na que Carmela López asinou no libro de ouro do Concello, ambas mandatarias deron a coñecer un novo proxecto de case 230.000€, financiado conxuntamente pola Deputación —que achega 192.251,19€— e o Concello —que colabora con 36.000€—, para construír un novo parque infantil no campo da feira, ao carón da pista multideporte, así como para adecuar a contorna e garantir un acceso seguro á zona de lecer.
Nese sentido, o proxecto contempla un parque infantil de 180 metros cadrados no que se instalará un pavimento continuo de dobre capa en toda a superficie, delimitada por unha valla de madeira en postes e traveseiros. Ademais, o espazo contará cun balancín de dúas prazas, unha rede de xogos, iluminación e catro proxectores.
Así mesmo, este proxecto tamén recolle a adaptación dos arredores para garantir a seguridade dos usuarios, posto que se atopa ao carón dun aparcadoiro. As actuacións que hai previstas van dirixidas a separar a zona do parque do aparcamento e nelas inclúense: a instalación dunha zona verde, a creación dunha nova entrada desde a rúa da Feira cunha rampla para favorecer o acceso de persoas con mobilidade reducida; a mellora do pavimento nas zonas que sexan necesarias; a instalación de árbores, bancos, mesas, fontes e iluminación tipo LED.
A Presidenta da Deputación recalcou que a achega económica que realiza a institución provincial vai incluída “por unha banda, nun convenio de colaboración no que se recollen outras actuacións; e principalmente, a través do Plan Deputación 2026, a ferramenta máis potente que ten a institución provincial para apoiar os concellos”. Definiuna como unha ferramenta “que funciona, é útil e xusta, porque permite repartir os recursos de maneira obxectiva e así garantir que todos os concellos da provincia teñan capacidade para desenvolver proxectos que doutro xeito serían moi difíciles de asumir”.
“En definitiva, é o mellor exemplo de que a suma de esforzos entre a Deputación e os concellos multiplica resultados. E tamén é unha ferramenta clave para garantir algo fundamental: que todos os territorios da provincia teñan oportunidades, vivan onde vivan, porque o noso compromiso é claro: queremos unha provincia máis cohesionada, con mellores servizos públicos e con máis oportunidades para a xente” rematou.
Pola súa banda, Marta Rouco valorou “moi positivamente” este modelo de cooperación institucional, “porque permite que todos os municipios teñamos oportunidades reais de desenvolver proxectos e mellorar os nosos espazos públicos” e recalcou que “botamos de menos que outras administracións adopten esta mesma filosofía”.
Sobre o proxecto arredor do campo da feira a rexedora local sinalou que “busca converter esta zona nun espazo de lecer máis amable, máis seguro e máis agradable para toda a veciñanza e ademais, está pensado con visión de futuro. Todo o deseño deixa prevista a posibilidade de que nun futuro se poida estudar a instalación dunha cuberta, algo que moitas familias nos trasladan para que os nenos e nenas poidan seguir utilizando este espazo tamén nos días de choiva. Estamos ante unha actuación que responde á nosa maneira de entender a política municipal: seguir mellorando os espazos públicos, facer unha vila máis agradable para vivir e construír unha Vilalba pensada para todas e todos”.
Case medio millón de euros para máis actuacións en Vilalba
Durante a xornada, Carmela López, percorreu outros puntos do municipio nos que se realizaron varias actuacións recentemente. Cun investimento da Deputación próximo ao medio millón de euros melloráronse accesos e vías, espazos públicos e equipamentos municipais.
Nese sentido, Carmela López achegouse ata o parque Rosalía de Castro, que se remodelou de xeito integral grazas a unha achega de case 40.000€. Con esta actuación substituíse o pavimento de dobre caucho, a valla de 100 metros cadrados e tamén se renovaron todos os xogos: instalouse unha casiña, un xogo múltiple con tobogán, bambán e redes.
Achegouse tamén ata o barrio das Fontiñas para comprobar o resultado dos traballos de rehabilitación do firme desta vía que dá acceso ás vivendas situadas neste residencial desde a rúa Conde Pallares. Con algo máis de 30.000€ realizáronse traballos de fresado en 200 metros de firme, repavimentouse con aglomerado en quente e repúxose a sinalización co pintado de marcas lonxitudinais transversais.
Continuou a visita coñecendo dúas obras realizadas a través do Plan Deputación 2025: unha delas foi a renovación integral do pavimento e a mellora da accesibilidade na rúa Benxamín Paz, uns traballos para os que a institución provincial achegou 133.478,70€. E, por outra banda, supervisou a restauración que se realizou con 88.530,65€ na biblioteca municipal: a nova Aula Agustín Fernández Paz, que albergará parte do legado do recoñecido escritor vilalbés; e a sala de estudo, que conta agora con novo mobiliario, teito acústico e luminarias LED.
Por último, a Presidenta comprobou as obras de mellora que se realizaron na LU-P-6513, a vía que une Vilalba con Momán. Os traballos, que contaron cunha achega de algo máis de 200.000€, realizáronse en dous tramos:
– Un primeiro treito, desde o inicio da vía ata a rotonda que dá acceso á autovía A8, no que se repavimentou con aglomerado en quente, repintouse a vía e colocouse a sinalización vertical.
– E un segundo tramo, desde o punto quilométrico 1,6 ata o 17,3 no que se realizou a reposición da sinalización horizontal.



