– A Presidenta da Deputación de Lugo resaltou no seu primeiro encontro da Eurorrexión a importancia de facer forza conxunta para impulsar o desenvolvemento de Galicia e o norte de Portugal, atraer inversións ou fortalecer as cadeas produtivas
– Na reunión ratificouse a presidencia exercida por Miguel Fernández e revalidouse a estrutura orgánica da entidade, que incrementará este ano a presión coordinada no que ten que ver coa necesidade das infraestruturas e a mellora da mobilidade
A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, participou este xoves na Coruña na XXXIV Asemblea Xeral do Eixo Atlántico que marcou as liñas de acción deste ano 2026. No seu primeiro encontro da Eurorrexión resaltou a importancia de facer forza para impulsar o desenvolvemento de Galicia e o norte de Portugal nun encontro que contou tamén coa presenza de Antón Leis, Director da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento.
“Este tipo de citas son moi importantes para renovar os compromisos coa cooperación transfronteiriza, temos moito que gañar se actuamos con unidade, visión compartida e ambición”, valorou a mandataria provincial. Puxo en valor a posibilidade de esta entidade para facer forza conxunta, atraer inversións, fortalecer as cadeas produtivas locais e crear oportunidades de emprego de calidade.
Na reunión, que se desenvolveu no Palacio Municipal de María Pita, quedou ratificada a presidencia de Miguel Fernández, o Alcalde de Lugo e Deputado provincial, e revalidouse a estrutura orgánica da entidade, que incrementará este ano a presión coordinada no que ten que ver coa necesidade das infraestruturas e a mellora da mobilidade.
Son máis de 40 as entidades galegas e portuguesas que conforman este organismo, que na súa asemblea xeral se reuniron co obxectivo de facer balance do último ano, aprobar o programa para a anualidade 2026, que contará cun orzamento de algo máis de 5M€.
No que ten que ver co programa de actividades aprobado para o 2026, a proposta mantén os programas de éxito do Eixo Atlántico que implican un maior protagonismo e participación social por parte das entidades membro e ten previstas actividades no ámbito dos estudos e do coñecemento, da innovación social, da sustentabilidade urbana, da economía, da comunicación e da Unión Europea e Relacións Internacionais.



