O Concello do Bolo acolleu esta mañá a sesión constitutiva da comisión para a reconstrución da ponte sobre o río Xares, un grupo de traballo cuxa creación e representatividade foi impulsada por acordo unánime no pleno da Deputación de Ourense celebrado o 18 de decembro do pasado ano.
O vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández, participou en nome da institución provincial nesta primeira xuntanza da comisión, á que tamén acudiron os representantes da Xunta de Galicia, dos grupos políticos do PP, PSOE e BNG na corporación provincial e o propio alcalde do Bolo, Manuel Corzo, disculpando a súa presenza a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e o grupo político de Democracia Ourensana.
A comisión comezará a traballar na procura da mellor fórmula que permita a reconstrución da ponte sobre o río Xares, que como consecuencia das riadas de decembro de 2019 e os extraordinarios caudais alcanzados sufriu o colapso dun dos seus piares, obrigando a cortar a circulación por este paso da estrada municipal que une as localidades de Barxa e Seixo.
A petición do alcalde do Bolo, os servizos técnicos da Deputación de Ourense realizaron unha primeira proposta de reconstrución da ponte, economicamente máis viable, pero que foi rexeitada ao non cumprir cos requirimentos do plan hidrolóxico da demarcación Miño-Sil.
A nova proposta consiste na demolición da actual estrutura e a construción dunha nova ponte, cun orzamento de máis de 462.000 euros e un prazo de execución de catro meses. U proxecto que pola súa elevada contía non podería afrontar o concello sen a colaboración doutras administracións.