Sinala que con estas “becas” da Deputación, un bar de Cerdedo recibirá 300 euros e un do Grove 200, “porque o reparto que fan é por poboación e non por número de afectados”.
O grupo provincial do Partido Popular votou esta mañá a favor da suplantación do Plan Concellos con axudas a autónomos e hostaleiros, “porque non pode negarse ningunha axuda, por pequena que sexa, ao sector co mal que o está pasando”, pero o voceiro dos populares, Jorge Cubela, dixo que era un mal plan, “que deixa fóra á metade da provincia e cunha aportación insuficiente para o resto, pasando a pataca quente aos concellos”.
“Se queren un plan de axudas para os autónomos, destinen máis cartos sen distinción de municipio. Pero o problema é que este non é un plan de axudas para o sector, é un salvavidas para este Goberno”, engadiu. Ademais, recordou que “están aquí despois de dicir o contrario durante os últimos catro meses. Só se necesita un único exército para loitar con esta pandemia, sen confrontacións. Os afectados por esta pandemia non teñen ideoloxía, son galegos e galegas que levantan o país cada día”.
Nesta liña, explica que con estas becas da Deputación un bar de Cerdedo vai recibir 300 euros e un do Grove 200, porque o reparto que fai a Deputación entre os concellos é por poboación e non por número de afectados. “Non é un modelo igualitario para a provincia”, criticou.
Ademais, lamentou que non aceptasen ningunha das propostas do PP para mellorar o plan, que pasaban por aumentar a cantidade, permitir aos concellos como quería repartir as axudas, incluír o criterio de número de afectados para repartir as cantidades entre os concellos e aumentar de 10 a 25 o número de traballadores máximos para as pemes que poden optar ás axudas.
“Había a posibilidade de facer o que quería o sector, unha ventanilla única para axilizar e simplificar todos os trámites, pero a Deputación aposta por fomentar 59 procesos e 59 ventanillas que prexudican ao sector e bloquean aos concellos”.
Por iso, Cubela recriminoulles que “seguen sen coñecer a realidade dos municipios pequenos e medianos. Moitos deles non conseguirán aprobar estes expedientes para máis deshonra da Deputación, que ten como obxectivo facilitar o día a día a estas entidades”.
“A súa é unha proposta improvisada, chegando hoxe aquí collidos polas orellas como se fosen malos estudantes”, apuntou Cubela que recordou todas as escusas que levan dadas todos estes meses para non aprobar axudas directas. Para o popular, é evidente que nin sequera o PSOE e o BNG están convencidos con este plan, “xa que nas súas intervencións no pleno, lonxe de defender a súa proposta, centráronse en confrontar de novo co Goberno galego. Saben que é un mal plan e por iso todas estas escusas”, apuntou.