O total das subvencións nominativas provinciais ascende a 130.000 euros
O alcalde de San Sadurniño, Secundino García Casal, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asinaron este mediodía en San Sadurniño as subvencións nominativa dirixidas ao financiamento das obras de mellora na piscina municipal e no equipamento da Fusquenlla. Dous acordos que, en conxunto, supoñen unha achega provincial por valor de 130.000 euros para un investimento total próximo aos 230.000 euros, 64.000 correspondentes aos traballos que se van desenvolver na piscina e o seu contorno e outros 165.000 para adquisición e instalación dos aparellos do centro de transformación, que xa están instalados.
A actuación que se vai levar a cabo na piscina municipal -que nestes momentos se encontra na fase de licitación- consistirá en impermeabilizar o fondo e os laterais do vaso cun novo forro de PVC de alta resistencia, co obxectivo de atallar as filtracións e outros danos que se produciron no gresite instalado hai máis de 25 anos.
A maiores da reparación do vaso, o proxecto tamén recolle melloras no exterior, concretamente no peche perimetral de malla metálica, que se cambiará por completo, e no sistema de evacuación de pluviais dos vestiarios, onde se instalarán novos canalóns.
O Goberno local xestionou perante a Deputación da Coruña unha subvención nominativa -aprobada no pleno provincial do pasado 29 de novembro e asinada este mediodía en San Sadurniño- que cubrirá até un máximo de 50.000 euros dos custes, é diir, cerca do 80% do investimento previsto, cifrado en 64.083,11 euros, ive incluido.
Por outra banda, Secundino García Casal e Valentín González Formoso tamén rubricaron o acordo sobre o financiamento provincial do novo equipamento adquirido recentemente para o centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla. San Sadurniño foi a Administración encargada de xestionar a licitación do contrato en representación dos outros seis concellos integrantes do proxecto -Cedeira, Cerdido, Moeche, Narón, As Pontes e Valdoviño-, ademais de solicitar a través do GDR Seitura 22 os fondos europeos do programa Leader.
O investimento final alcanzou os 165.717,47 euros, impostos incluídos, cos que se mellorou considerablemente a parte dedicada a transformación e conservación agroalimentaria. Entre outro material mercouse un autoclave, unha envasadora, un muíño para a froita, un cocedor de cremas, unha lavadora-centrifugadora de verduras, unha máquina de baleiro, andeis en inox, etc. Ademais tamén se incorporou toda a maquinaria que faltaba para facer posible a entrada en funcionamento da liña de extracción e envasado do mel.
A axuda económica da Deputación ascende neste caso a 80.000 euros, na que é unha nova colaboración provincial cos concellos promotores do proxecto. Cómpre lembrar que a maior parte do investimento que se leva feito na Fusquenlla foi con fondos provenientes da Deputación e que, ademais, o centro forma parte da Rede de Espazos Coworking PEL deste organismo, co obxectivo de dinamizar a economía e o emprego local.
A sinatura dos convenios nominativos en favor do Concello de San Sadurniño -por un valor total de 130.000 euros- foi seguida dunha visita á explotación gandeira da Esperanza, en Santa Mariña do Monte, onde a Cooperativa Agraria Provincial da Coruña produce leite para a súa marca Bico de Xeado. A CAP obtivo o premio PEL 2024 como mellor iniciativa transformadora do rural.