Na sinatura de renovación do acordo, o presidente provincial, Luis Menor, subliñou o “efecto multiplicador” que teñen os fondos públicos destinados pola Deputación a este convenio: “por cada euro aportado pola Deputación xeráronse 18,2 euros de financiación no tecido empresarial de Ourense”
O presidente de Sogarpo, súa banda, Artur Yuste destacou que a “a gran acollida, excelente demanda e os bos resultados obtidos neste tempo indican que o convenio funciona e polo tanto tiñamos a obriga de renovalo”
O Importe dos avais é de 14.160.599 euros, o que supón un investimento inducido de 16.655.599 euros
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, e o presidente de Sogarpo (Sociedade de Garantía Recíproca das provincias de Pontevedra e Ourense), Artur Yuste, renovaron esta mañá no Pazo Provincial o convenio de colaboración que manteñen aberto desde 2023 para impulsar a actividade económica na provincia de Ourense, mediante a concesión de préstamos e avais a empresas e emprendedores, a custo cero, bonificados pola Deputación. A achega da institución provincial para 2025 será de 250.000 euros.
Nun acto ao que tamén asistiu o equipo xestor de Sogarpo, Luis Menor subliñou o “efecto multiplicador” que teñen os fondos públicos destinados pola Deputación a este convenio, de tal modo que “pode dicirse que por cada euro aportado pola Deputación xeráronse 18,2 euros de financiación no tecido empresarial de Ourense”. A día de hoxe, utilizáronse algo máis de 900.000 euros do millón aportado pola Deputación. O presidente provincial mesmo mostrouse partidario de estudar posibles incrementos nas achegas.
Pola súa banda, Artur Yuste destacou que a “a gran acollida, excelente demanda e os bos resultados obtidos neste tempo indican que o convenio funciona e polo tanto tiñamos a obriga de renovalo”, ao tempo que recoñeceu o seu “orgullo como ourensán por manter esta colaboración, asinar este convenio, que demostra que o sistema de garantías representa xa unha alternativa”.
Grazas a este convenio, desde a súa posta en marcha, en marzo de 2023 e ata hoxe, outorgáronse 183 avais, sendo 166 as empresas beneficiarias, con 1.037 traballadores. O Importe dos avais é de 14.160.599 euros, o que supón un investimento inducido de 16.655.599 euros.
Como vantaxe, os avais teñen custo cero para os beneficiarios. Os importes de financiación que se poden solicitar oscilan etre os 3.000 e os 600.000 euros e pódense destinar tanto a inversión como a capital circulante.
Magnitudes de Sogarpo
Sogarpo é a Sociedade de Garantía Recíproca das provincias de Pontevedra e Ourense. No exercicio de 2024 otorgou avais por importe de 69,9 millóns de euros, cun incremento do 51,7% con respecto ao exercicio anterior, que permitiu consolidar 8.294 empregos (+51,4%) e inxectar na economía galega unha inversión inducida de 86,75 millóns de euros (+50,5%). O ano pasado concedeu 883 avais (+12,9%) a 656 empresas galegas (+22,2%).
A carteira de risco da sociedade (avais en vigor) situábase a 31 de decembro de 2024 en 192,8 millóns de euros (+16%), cifra que propiciou unha inversión superior aos 300 millóns de euros, con máis de 23.500 empregos consolidados nun total de 2.407 empresas.