O presidente provincial, Luis Menor, e o conselleiro de Emprego, José González, visitaron as obras do Mercado de Xinzo que se están a executar grazas á cooperación institucional, modelo no que ambas institucións teñen interese en replicar no resto das prazas de abastos da provincia
A Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia afondarán na cooperación que terá como obxectivo modernizar as prazas de abastos da provincia de Ourense. Así o adiantaron o presidente provincial, Luis Menor, e o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, durante a visita que realizaron ás obras de reforma do Mercado de Xinzo de Limia, que se están a executar grazas a un investimento financiado pola Xunta (unha achega inicial de 320.000 € -complementada co apoio da Deputación con 200.000 euros e do Concello, que asumirá a súa parte) para as obras que se están a acometer neste espazo co obxectivo de crear espazos máis amplos e aumentar usos, actualizar a estética e realizar melloras relacionadas coa eficiencia enerxética.
Na visita tamén o alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz, e membros da corporación. Luis Menor destacou o interese por replicar no resto das prazas de abastos da provincia o modelo de cooperación interinstitucional que se está a desenvolver na capital da Limia.
O presidente provincial destacou que a Deputación, “unha vez máis”, abriu unha liña de colaboración co Goberno galego desta volta para impulsar estes mercados, “en tanto son espazos clave para a dinamización do comercio local e para promover o consumo de produtos de proximidade e calidade”.
Agora, incidiu Luis Menor, esta experiencia de colaboración poderíase estender aos mercados do resto da provincia a través desas achegas tripartitas, “nun convenio pioneiro para devolver a estas prazas o seu espazo como sector estratéxico comercial nas vilas”.
Para o presidente da Deputación os mercados poden centralizar a oferta de produtos locais de referencia, “modernizándose pero sen perder a súa identidade, combinando a tradición coa comodidade e a experiencia de compra moderna”.
O Goberno provincial xa ten expresado o seu compromiso con este sector, apuntou Luis Menor, poñendo como exemplo a Praza de Abastos Nº1 da cidade de Ourense, onde a Deputación ofreceuse como socio financeiro, colaborando coa Xunta, para costear o remate das obras e facilitar o traslado dos praceiros, tentando desbloquear unha situación paralizada pola administración local.



