Home Deputacións Deputación Ourense Deputación e Xunta entregan maquinaria a 12 concellos da provincia para labores...

Deputación e Xunta entregan maquinaria a 12 concellos da provincia para labores de prevención e loita contra os lumes

0
2

O presidente provincial e a conselleira de Medio Rural hoxe na entrega dos tractores aos concellos de Sandiás, Cenlle, Montederramo, Vilamarín, Lobios, Mancomunidade de Celanova, Beariz, Mancomunidade de Verín, Ribadavia, Os Blancos, O Barco, e Laza

Esta acción enmárcase no protocolo de colaboración entre o Goberno autonómico e a Deputación, unha colaboración que se reforzou o pasado 2025 cun orzamento de 4,1 millóns de euros para adquisición de maquinaria e persoal

A través desta iniciativa de cooperación tamén se crearon 16 brigadas, que traballaron durante seis meses nas catro mancomunidades, ás que se lles outorgaron máquinas hidrostáticas polivalentes e formación no CILL

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; a conselleira de Medio Rural, María José Gómez; e o director xeral de Defensa do Monte; Manuel Francisco; e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participaron hoxe -no parque provincial de maquinaria da Deputación-, na entrega dos tractores con rozadoira para a prevención de lumes forestais a doce concellos da provincia: Sandiás, Cenlle, Montederramo, Vilamarín, Lobios, Mancomunidade de Celanova, Beariz, Mancomunidade de Verín, Ribadavia, Os Blancos, O Barco, e Laza.

O presidente provincial fixo alusión á importancia desta colaboración entre as administracións autonómica, provincial e local en materia de prevención de lumes. Unha colaboración que ten unha maior relevancia na nosa provincia como se revelou este pasado verán durante a vaga de lumes, a peor da nosa historia, e que deu boa conta de que, “a pesar da magnitude da catástrofe non tivemos que lamentar ningún falecido, demostrando que somos un territorio preparado en materia de emerxencias”, lembrou Luis Menor.

Neste mesmo senso, a conselleira puxo de relevo a idoneidade e a necesidade das colaboracións deste tipo, no que “as administracións unen forzas” baixo un obxectivo común, fortalecer a resposta ante os lumes na comunidade.

Así mesmo, o presidente provincial destacou que a Deputación de Ourense é a que máis convenios de colaboración mantén coa Xunta de Galicia en diferentes materias de actuacións, a pesar de ser a que ten menos orzamento. Exemplo disto é este convenio, que vai pola súa cuarta edición, e que “fomos pioneiros na súa posta en marcha alá no 2019, conscientes da importancia que ten a prevención de lumes na nosa provincia”.

Un protocolo de colaboración “amplo” que non só inclúe a dotación de maquinaria aos concellos para estas tarefas, senón tamén formación e brigadas. Por elo, con esta entrega que corresponde ao ano 2024 e coa que xa está en contratación do 2025, “chegamos a unha cifra histórica con 50 máquinas entregadas aos concellos da provincia, é dicir, o 60% de todo o territorio”, destacou Menor.

Reforzo desta alianza de colaboración

Esta colaboración entre administracións, reforzada no 2025 cun orzamento de 4,1 millóns de euros contempla, ademais da entrega desta nova maquinaria, a creación de 16 brigadas que estiveron traballando durante seis meses, entre abril e outubro, nas catro mancomunidades ourensás, ás que tamén se lles outorgou cadansúa máquina hidrostática polivalente. A maiores, ofreceuse formación para o persoal das brigadas no Centro de Loita contra o Lume de Toén.