O presidente provincial, Luis Menor, e o conselleiro de Emprego, José González, asinaron un protocolo de colaboración que facilitará a modernización dos mercados tradicionais
Luis Menor puxo en valor que, con este protocolo, a Deputación de Ourense “consolídase como a administración provincial galega que máis liñas de colaboración mantén abertas coa Xunta de Galicia”
A Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia impulsarán a mellora e modernización das prazas de abastos da provincia, potenciando estes espazos como o mellor escaparate para os produtos de calidade locais e para dinamizar a actividade comercial nas vilas.
Así reflíctese no protocolo de colaboración asinado esta mañá no Pazo Provincial entre o presidente da Deputación Luis Menor, e o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acto ao que tamén asistiron o director xeral de Comercio, Gabriel Alén, o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, e directora territorial da consellería en Ourense, Marta Vázquez.
O documento supón o punto de partida para establecer convenios de colaboración cos concellos interesados na mellora dos seus mercados, cunha achega da Deputación que alcanzará o 20 % do custo do proxecto, mentres que a consellería financiará o 70 % e os concellos o 10 % restante.
A mellora das prazas de abastos na provincia, dixo Luis Menor trala sinatura do protocolo, é unha vía moi oportuna para impulsar a actividade económica nas vilas e revitalizar o comercio local, grazas á modernización e redeseño destes mercados. As actuacións a desenvolver consistirían na adaptación dos espazos aos novos hábitos dos consumidores, dotar as instalacións con equipamento que favoreza a actividade comercial e xerar novos servizos complementarios.
Con estas accións “conseguiremos potenciar o mercado tradicional, dar valor á actividade dos produtores e promover o consumo de produtos de proximidade”, destacou Menor.
O presidente provincial lembrou que, no marco destes obxectivos, a finais de xaneiro realizaron unha visita ás obras que se están a executar na praza de abastos de Xinzo de Limia, onde a Deputación de Ourense cofinancia o proxecto cunha achega de 200.000 euros. Un exemplo “do esforzo que estamos a facer por recuperar os mercados tradicionais, mesturando a tradición cos novos hábitos de consumo”, ademais de situar á institución provincial como “un instrumento de apoio económico para colaborar no relanzamento das prazas de abastos.
Pola súa banda, o conselleiro José González especificou que estes mercados deberán cumprir os requisitos previamente establecidos para obter o recoñecemento de excelencia e tamén contar cunha diagnose de situación e usos do mercado, así como co correspondente proxecto de reforma.



