HomeDeputaciónsDeputación OurenseA Deputación aproba 986.000 euros para cooperación cos concellos e entidades, con...

A Deputación aproba 986.000 euros para cooperación cos concellos e entidades, con achegas a 33 ANPAS na segunda convocatoria desta liña de axudas

- Anuncio -spot_img

As axudas ás asociacións de nais e pais da provincia alcanzan preto de 26.600 euros para financiar actividades relacionadas co remate do curso, campamentos de verán, talleres, deportes, xornadas de convivencia ou cultura

No apartado de cooperación cos concellos aprobáronse 11 subvencións por un importe superior a 392.000 euros para infraestruturas, servizos e actividades culturais

Polo que respecta á colaboración con entidades concedéronse nove subvencións nos ámbitos económico, formativo, cultural e deportivo, por importe de 567.000 euros

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou hoxe a concesión de máis de 986.000 euros en axudas para cooperación cos concellos e entidades, nunha sesión na que tamén ratificouse a resolución do segundo concurso de subvencións ás asociacións de nais e pais de alumnos (ANPA) da provincia.

Trátase dunha liña de axudas posta en marcha polo Goberno provincial para estes colectivos, nos centros educativos da provincia que impartan ensinanzas en infantil, primaria ou ensino obrigatorio, co fin de subvencionar aquelas accións que desenvolveran no curso escolar 2024/2025.

Nesta segunda convocatoria concedéronse 33 achegas por un importe próximo a 26.600 euros como axuda para actividades relacionadas co remate do curso, campamentos de verán, talleres, deportes, xornadas de convivencia ou cultura. “Non é tanto a contía destas axudas”, dixo Luis Menor na rolda de prensa posterior á reunión da Xunta de Goberno, “senón o feito de que contribúen a solucionar os seus problemas e necesidades”.

Cooperación cos concellos

No apartado de cooperación cos concellos, a Xunta de Goberno aprobou once subvencións por un importe superior a 392.000 euros.

Así, Beariz recibirá 40.000 euros para acondicionar camiños nas localidades de Magos e Lebozán; Cenlle contará con algo máis de 36.000 euros para o parque de Tenencia; Porqueira disporá de case 18.500 euros para mellora de infraestruturas; e Carballeda de Avia empregará 45.000 para gastos de funcionamento da casa comunitaria.

Para a Romaría da Saínza, Rairiz de Veiga vai recibir 20.000 euros; Ribadavia contará con 30.000 euros para a Mostra Internacional de Teatro; Riós poderá financiar gastos de subministro eléctrico con 80.000 euros e mellorar a pista  de Progo a San Pedro de Pousada con máis de 12.600 euros.

O Conservatorio de Música de Xinzo de Limia contará con 50.000 euros; Bande poderá executar a cubrición do complexo de pádel con algo máis de 12.000 euros; e Chandrexa de Queixa investirá 48.000 na capela de Chao.

Colaboración con entidades

Polo que respecta a colaboración con entidades, a Xunta de Goberno aprobou a concesión de nove subvencións a outras tantas entidades dos ámbitos económico, formativo, cultural e deportivo, por importe de 567.000 euros.

A maior contía neste capítulo está destinada á Universidade de Vigo, que no marco da liña de colaboración que mantén aberta a Deputación desde hai anos, recibirá un total de 325.000 euros para o financiamento de tres accións: actividades de difusión cultural (220.000 €); promoción da formación en turismo (80.000 €); e para o programa universitario para o emprego e a vida autónoma (25.000 €).

O Goberno provincial tamén aposta por manter aberta a colaboración co Liceo de Ourense, ao que destinará 100.000 euros para que esta entidade poda seguir desenvolvendo proxectos de mantemento da súa histórica sede, o Pazo Oca-Valladares, rematado en 1552 e que acolle o Liceo desde o século XIX.

Outra vía de cooperación consolidada por parte da Deputación é a que mantén coa Confederación de Empresarios de Ourense (CEO), á que destina 50.000 euros para gastos de funcionamento.

No capítulo deportivo, concedéronse 70.000 euros ao Club Deportivo Arenteiro para o financiamento da tempada que vén de rematar, así como 15.000 euros ao Club Badminton Athlos tamén coa mesma finalidade.

A relación de acordos da Xunta de Goberno complétase coas axudas á Asociación A Castaña para gastos de funcionamento (5.000 €), e á Asociación Memoria Antiga para a Feira de Antigüidades (2.000 €).

Publicacións Relacionadas