Con 140 palistas inscritos á día de hoxe e pertencentes aos cinco clubs da provincia, os deportistas competirán en distancias que van desde os 1.500 metros para os máis pequenos ata o 4.000 metros para os maiores
A Copa Deputación de Piragüismo comeza este domingo, día 6, coa celebración en Barra de Miño, no Concello de Coles, da primeira das cinco probas que integran esta competición en 2021, presentada hoxe no Pazo provincial polo vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, acompañado polo alcalde de Coles, Manuel Rodríguez; o xefe provincial de Deportes da Xunta, Manuel Pérez; o presidente da Escola Ourensana Municipal nesta modalidade e organizadora da regata, Santiago Carvajales; o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Fredi Bea; e o delegado federativo en Ourense, José Fernández.
Rosendo Fernández destacou o apoio da institución provincial “a unha proba consolidada, de gran arraigo e que mobiliza a unha gran cantidade de xente moza, onde demostramos que o deporte non só é competitividade e esforzo, senón tamén saúde”, ademais de subliñar “a espectacular lámina das tranquilas augas de Barra de Miño que acollerán esta regata”. En nome do Concello de Coles, Manuel Rodríguez expresou “a honra que supón que conten con nós para acoller esta primeira proba”, recoñecendo e agradecendo a continúa colaboración da Deputación.
“Quen sementa recolle os froitos”, destacaron os representantes do piragüismo ourensán e galego á hora de subliñar que nas ligas galegas e nacionais “cada vez vese a máis deportistas da provincia en postos destacados”. Neste sentido expresaron a súa satisfacción polo interese que moitos concellos están a demostrar para aproveitar as súas láminas de auga e crear novas entidades, como é o caso de Viana do Bolo onde se está a crear o sexto club ourensán, cando a media estatal é de catro por provincia.
En Barra de Miño, a partir das once da mañá do domingo, comezará esta Copa Deputación de Piragüismo 2021 na que a día de hoxe estaban inscritos 140 palistas dos actuais cinco clubs da provincia (Escola Ourensana, Allariz, Avión-Castrelo de Miño, Fontefría e O Barco), que competirán en distancias que van desde os 1.500 metros para os máis pequenos ata o 4.000 metros para os maiores.