• O presidente do PP critica a dobre rapadoira do alcalde que pide celeridade na administración provincial, mentres el acumula anos de atrasos no pago das subvencións deportivas, a licitación do novo contrato do lixo, a execución do pavillón da Parda ou o desbloqueo do proxecto de Mollabao
• O líder da oposición pide ao Concello de Pontevedra que outorgue a licenza de obra municipal, pendente desde o 23 de xullo, para que a Deputación provincial poida continuar o proxecto en tempo e forma
O portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, respondeu ás críticas vertidas polo alcalde #Miguel Anxo Fernández Lores sobre o seu labor como vicepresidente da Deputación provincial: “Lores está frustrado polos grandes avances que impulsamos para abrir, definitivamente, o convento de Santa Clara á cidadanía”.
O líder do principal partido da oposición asegurou que estas “mentiras ou falsidades mal intencionadas” responden a unha estratexia electoral do BNG contra a súa figura política despois de gañar os comicios municipais en maio de 2023, con 3.096 votos máis que a formación nacionalista.
A recuperación de Santa Clara está garantida e pendente da licenza de obra municipal. O Concello dispón de tres meses, desde o 23 de xullo de 2024, para dar o visto e prace á Deputación de Pontevedra para continuar co proxecto en tempo e forma: “Se Lores está preocupado polo convento, pídolle que outorgue a licenza que lle compete para non paralizar o proxecto”.
O presidente do PP ironizou sobre a dobre rapadoira do alcalde, que pide celeridade na administración provincial, mentres el acumula anos de atrasos sen xustificar sobre as grandes débedas pendentes de competencia municipal.
Proxectos pendentes
Domínguez evidenciou a falta de xestión municipal en base aos proxectos que o alcalde anunciou en repetidas ocasións e que, ata a data, non executou. O primeiro exemplo, e un dos máis sanguentos para o xefe de filas dos populares, é o atraso no pago das subvencións aos clubs deportivos. Lembrou que “Lores botáballe a culpa ao anterior concelleiro de Deportes e, un ano despois do cambio de goberno, Lores segue debendo diñeiro aos equipos que traballan na formación dos mozos deportistas do futuro”.
Outro atraso inxustificable é o do saneamento do rural ou o do pavillón municipal da Parda, que “o BNG leva prometendo desde as eleccións municipais de 2015 e sobre o que non avanzou en absolutamente nada”, declarou antes de profundar nos 25.000 euros que saen das arcas municipais para pagar os terreos da planta de compostaxe que non se vai a construír na Canicouva.
Así mesmo, insistiulle en que é unha “vergoña” que a capital das Rías Baixas manteña en vigor un contrato do lixo do ano 1999 que vai pola súa oitava prórroga, mentres a “cidade está sucia e os traballadores sen os medios necesarios para reverter esta situación que se prolonga demasiado no tempo”.
“Lores debería preocuparse máis por algúns proxectos que o seu concelleiro César Mosquera lideraba no goberno bipartito da Deputación. Entre eles, o proxecto de Mollabao, cuxo convenio ía caducar en breve e íanse a perder fondos públicos fundamentais, ata que entrou o PP na administración e conseguimos asinar un novo convenio con moitísimo esforzo para evitar un novo fracaso do BNG,” engadiu.
En definitiva, o rival de Lores pola alcaldía bota en falta autocrítica, lealdade institucional e máis municipalismo por parte do nacionalista, despois de 25 anos no cargo e nunha difícil situación de “ahogamiento político” por xestionar un Concello con só oito concelleiros dos 25 que integran a corporación municipal.

