HomeO MorrazoCangasDuascentas persoas participan este domingo na primeira das "Depo Rutas BTT 2023"...

Duascentas persoas participan este domingo na primeira das “Depo Rutas BTT 2023” da Deputación, que transcorrerá pola Costa da Vela en Cangas

- Anuncio -spot_img

O luns 28 de agosto abrirase no sitio web provincial o prazo de inscrición para a segunda proba, que terá lugar o 24 de setembro en Mondariz

Un total de 200 persoas participarán este domingo 26 de agosto en Cangas na primeira das “Depo Rutas BTT” que organiza a Deputación de Pontevedra este ano e que transcorrerá por paraxes da Costa da Vela, en Cangas do Morrazo. Estas rutas en bicicleta enmárcanse na programación “Depo Actívate”, coa que a institución provincial busca fomentar os hábitos saudables a través da práctica de actividade física e deportiva en contacto coa natureza.

Este primeiro roteiro, de aproximadamente 34 km, consistirá nun percorrido circular con inicio e chegada na antiga fábrica de conservas de Massó. Os participantes circularán a través de sendeiros desde os que se poderán desfrutar das paisaxes das praias de Liméns e Nerga, Cabo Home ou a praia de Melide, e tamén gozar das vistas á ría de Vigo e ás illas Cíes. Na metade do percorrido ofreceráselles un avituallamento.

Despois desta proba, a Deputación de Pontevedra abrirá este luns 28 de agosto ás 10:00 horas o prazo de inscrición para participar na segunda actividade do programa “Depo Rutas BTT”, prevista para o 24 de setembro no concello de Mondariz. A institución provincial ofrece de novo un total de 200 prazas e as persoas interesadas deben inscribirse a través do formulario que atoparán no sitio web provincial www.depo.gal.

Dirixidas a persoas que gocen do deporte en contacto coa natureza, as “Depo Rutas BTT” ofrecen percorridos ciclistas polos montes da provincia, nunha aposta pola actividade física como forma de vida para coñecer e descubrir a variedade natural, ecolóxica e patrimonial da provincia.

Publicacións Relacionadas