O éxito sen precedentes desta iniciativa converteu ao expositor da Deputación nun dos máis visitados e concorridos da 22ª edición de Termatalia
A iniciativa posta en marcha pola Deputación de Ourense, en colaboración cos balnearios ourensáns en Termatalia, consistente nunha nova campaña de promoción da saúde a través da cultura termal coa iniciativa “500 sesións a 1 euro”, tivo un éxito sen precedentes, con grandes colas para acceder a este programa que permitirá gozar aos usuarios das augas mineromedicinais a un prezo totalmente alcanzable.
De feito, poucas horas despois da súa posta en marcha, as entradas ofertadas quedaron esgotadas, constatando así a enorme aceptación que tivo esta acción conxunta entre a Deputación e os 5 balnearios que contan nas súas instalacións con piscinas de augas termais para usos lúdico-terapéuticos: Laias, Cortegada, Lobios, Partovia e Arnoia.
As 500 sesións balnearias distribuiranse a partir do 28 de setembro e ata o 31 de outubro, de luns a domingo, en diferentes franxas horarias e cunha duración entre hora e media e dúas horas, en función do balneario.
Esta promoción púxose en marcha coincidindo coa XXII Feira Internacional do Turismo Termal, Saúde e Benestar (Termatalia), e puideron participar todas as persoas que acudiron a esta feira en Expourense, achegándose para elo ao expositor da Deputación, un dos máis concorridos da feira.