Corenta integrantes do consorcio do proxecto europeo Go-Grass procedentes de Alemaña, Dinamarca, Suecia, Países Baixos, Bélxica, Romanía, Hungría e España, visitan este xoves e da man do deputado Jorge Cubela a finca da Deputación en Lalín
O grupo está interesado na implementación de tecnoloxías de circularidade na cadea de valor levadas a cabo na planta de biogás de Mouriscade
Europa pon os ollos na Finca de Mouriscade da Deputación de Pontevedra e no traballo que esta desenvolve para transformar o panorama rural da provincia. Deste xeito, un grupo de corenta integrantes do consorcio do proxecto europeo Go-Grass procedentes de Alemaña, Dinamarca, Suecia, Países Baixos, Bélxica, Romanía, Hungría e España serán recibidos este xoves, a partir das 16:15 horas, polo deputado delegado de Reto Demográfico Jorge Cubela na finca da institución provincial en Lalín tras amosar o seu interese nas boas prácticas que esta desenvolve.
A Finca Mouriscade foi elixida a través da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias, membro do consorcio do proxecto europeo Go-Grass, como centro demostrativo pola súa implementación de tecnoloxías de circularidade na cadea de valor levadas a cabo na planta de biogás. O grupo representante do consorcio, que agrupa universidades, centros de investigación, empresas, gandeiros e unha ampla representación da cadea de valor das áreas seleccionadas en oito países europeos, visitará, amais da planta de biogás das instalacións da Deputación de Pontevedra en Lalín, o traballo que se desenvolve en Mouriscade a través do seu laboratorio e da granxa.
Go-Grass trátase dunha iniciativa para transformar o panorama rural europeo que traballará nos próximos catro anos para desenvolver modelos de negocio efectivos e circulares na contorna rural europea. O seu obxectivo é dinamizar as comunidades rurais desenvolvendo solucións de base biolóxica a pequena escala para desbloquear o potencial dos pastos de Europa e crear novas oportunidades de negocio nas zonas rurais do continente.