A institución provincial asumiu a contratación de urxencia da extinción, a cargo da empresa especializada Tragsa
Os traballos implicaron a mobilización de máis de 250 camións na zona
Os traballos de extinción do lume que afectaba ao vertedoiro municipal de A Rúa, asumidos pola Deputación de Ourense a través dunha contratación de urxencia, déronse hoxe por rematados tras oito días de intervención especializada na zona, a cargo da empresa Tragsa coas máximas garantías de seguridade e coa mobilización de máis de 250 camións na zona para apagar o lume.
O pasado 30 de agosto, o presidente provincial, Luis Menor, trasladouse ata o Concello de A Rúa para anunciar que a institución ourensá asumía de urxencia, trala petición formal da alcaldesa, María Albert, a extinción do incendio forestal que levaba dúas semanas afectando a este vertedoiro, de competencia municipal, e que ao citado concello lle supuña un custe económico e técnico dificilmente asumible.
“Independentemente das nosas competencias, como Deputación estivemos sempre dispostos a cooperar, dando solución a unha emerxencia con total garantía nas obras”, lembra Menor.
Os traballos de extinción foron de gran complexidade polas propias características técnicas do vertedoiro e as condicións que afectan a saúde das persoas. Así, os técnicos empregaron maquinaria especializada para traballos consistentes na “asfixia” do material que ardía na zona, ata lograr a extinción completa do lume este martes.