O presidente provincial vén de manter un encontro institucional co rexedor Jacobo Pérez no que abordaron asuntos de interese mutuo para ambas as administracións
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, adiantou ao novo alcalde de Caldas, Jacobo Pérez, o apoio do organismo provincial por valor de máis de 1,6 millóns de euros a través de programas como o +Provincia, o segundo Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas ou o novidoso Plan Extra previsto para o presente ano 2025. Fíxoo nun encontro institucional co recentemente nomeado rexedor de Caldas que tivo lugar esta mañá de martes no despacho do presidente do Pazo provincial e no que ambos os mandatarios analizaron os proxectos comúns que están en marcha e trataron outros asuntos de interese mutuo para as dúas administracións. “É o primeiro encontro institucional co recentemente elixido alcalde de Caldas, ao que lle desexo sorte e acertos, porque os seus acertos serán os do Concello e os da provincia”, comezou o mandatario provincial o resumo do tratado nesta reunión.
A través do Plan +Provincia do 2025, o presidente López trasladoulle ao alcalde Pérez que ao Concello de Caldas lle corresponde un total de 792.800 euros. Así mesmo, o Concello percibirá un total de 135.500 euros pertencentes á segunda edición do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que implica unha suba de máis do 220 %, uns 93.000 máis; con respecto ao plan do ano anterior. E, ata un máximo de 700.000 euros poderá recibir o Concello de Caldas ao abeiro do novidoso Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, un programa de nova creación impulsado polo goberno de Luis López para colaborar cos concellos na execución de proxectos para construír ou rehabilitar infraestruturas, mellorar ou humanizar espazos públicos ou iniciativas que melloren a xestión de residuos.
Mellora da mobilidade peonil na Travesía Doña Urraca
Un dos asuntos tratados neste segundo encontro institucional cun dirixente de Caldas, o primeiro co novo alcalde Jacobo Pérez, foi a situación do proxecto de recuperación de espazos e mellora da mobilidade peonil na estrada EP-8005, coñecida como Travesía Doña Urraca. O proxecto está afectado por un problema de titularidade dos terreos e, despois de estudar as posibles solucións, ambas as administracións colaborarán para reclamar ao Goberno Central a necesaria cesión dos terreos a favor do Concello para poder continuar coa tramitación dun proxecto valorado en 500.000 euros, dos que a Deputación achegará arredor do 70 %. “Agradecemos este primeiro recibimento na Deputación para poñer en marcha proxectos e temos as portas abertas para seguir colaborando”, sinalou o alcalde Jacobo Pérez.
“A reunión transcorreu nun clima de máxima colaboración e lealdade para traballar de cara o futuro nesta e outras actuacións”, concluíu o presidente Luis López.