“Estes son os feitos: recursos e liñas de axuda, que teñen unha elevadísima demanda e que están a poñer enriba da mesa que había unha necesidade entre o movemento veciñal e asociativo, ignorado polo anterior goberno provincial, e que agora está a ser atendida”, subliñou o presidente
Benefícianse das achegas 69 comunidades de augas que recibirán ata 6.000 € no marco desta liña de axudas que forma parte das partidas destinadas ao movemento veciñal da Deputación, dotadas neste 2025 con máis de 5 millóns de euros
Luis López acaba de anunciar que a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou a concesión das axudas +Novaqua 2025, que destinarán este ano 340.000 € á regularización das traídas veciñais en 30 concellos. Tal e como informou o presidente provincial, benefícianse desta liña de axudas 69 comunidades de augas da provincia que recibirán ata 6.000 € no marco desta liña de subvencións que forma parte das partidas destinadas ao movemento veciñal da Deputación.
“Estes son os feitos: recursos e liñas de axuda, que teñen unha elevadísima demanda e que están a poñer enriba da mesa que había unha necesidade entre o movemento veciñal e asociativo, ignorado polo anterior goberno provincial, e que agora está a ser atendida”, subliñou o presidente quen recordou que xunto con +Novaqua, o organismo provincial activou Provincia Comunitaria e +Aqua, dotados neste 2025 con máis de 5 millóns de euros para atender as demandas do tecido asociativo provincial.
Nunha primeira convocatoria de +Novaqua beneficiáronse 61 comunidades de augas con 300.000 euros. Co obxectivo de atender a demanda rexistrada, o goberno provincial activou outros 40.000 no marco desta liña de axudas que permitiron achegar recursos a outras 8 comunidades de augas de 5 concellos para poder avanzar na regularización das súas traídas.



