“Seguimos destinando recursos para manter en bo estado as estradas provinciais, para garantir a seguridade dos nosos veciños e veciñas e mellorar a súa calidade de vida”, remarcou o presidente da Deputación
A Xunta de Goberno deu luz verde ao contrato para actuacións de mellora e pavimentación de nove estradas da rede provincial ao seu paso por seis concellos
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de adxudicar contratos contemplados no Acordo Marco para a conservación de firmes nas estradas provinciais que permitirán actuar en nove vías de seis concellos da provincia. O investimento ascenderá a preto de 660.000 euros e as actuacións desenvolveranse en preto de 70 dos máis de 1.600 quilómetros da rede viaria provincial. “Seguimos destinando recursos para manter en bo estado as estradas provinciais, para garantir a seguridade dos nosos veciños e veciñas e mellorar a súa calidade de vida”, explicou o presidente Luis López.
En canto aos traballos que se realizarán, por unha banda, nalgunhas estradas vaise proceder ao fresado do firme para despois repoñer a capa de rodadura e, pola outra, noutras executarase unha capa de microaglomerado en frío. Ademais, procederase á reposición da sinalización horizontal en todas as actuacións nas que sexa necesario.
Este novo contrato inclúe actuacións na EP-2001 O Calvario – A Garrida, en Vigo; a EP-2102 Nigrán – Vincios e a EP-2106 A Ramallosa – Parada, en Nigrán; na EP.2201 Baiona – Bahiña – As Fontes e na EP-2202 Baiona – Loureza, en Baiona; na EP-2603 Puxeiros – Peinador e na EP-2604 Puxeiros – E.P. O Mexoeiro – CUVI, en Mos; na EP-2001 Tui – Rebordáns, en Tui, e na EP-3202 Oia – Torroña, en Oia.