O presidente provincial salienta o compromiso da Deputación para cooperar cos concellos na execución de proxectos estratéxicos que modernizan o espazo urbano
A colaboración prevista para este ano do organismo provincial co Concello de Caldas a través dos plans de Cooperación é de máis de 1,6 millóns de euros
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acaba de asinar o convenio de colaboración co alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, para o financiamento do proxecto de mellora da mobilidade peonil na contorna do Campo da Torre. Un acordo asinado no marco do Plan Extra, o plan de investimentos do goberno provincial que mobiliza ata 38 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para executar proxectos estratéxicos. No Pazo provincial, López e Pérez selaron un acordo para impulsar a actuación, que ascende a 840.000 euros que serán financiados pola Deputación de Pontevedra, con 630.000 euros, e polo Concello de Caldas de Reis, con 210.000 euros.
O proxecto abrangue un espazo do núcleo urbano de Caldas con alto valor patrimonial e natural e relacionado co Camiño de Santiago. Neste lugar vaise recuperar o espazo público para as persoas, establecendo un novo modelo de xerarquización viaria a nivel urbano. Deste xeito, vaise eliminar a circulación polo Campo da Torre segregando o tráfico en varias vías, o que favorecerá o tránsito peonil e de peregrinos que atravesan a rúa San Roque. Ademais, crearase unha plataforma única con lousa de granito, zonas axardinadas e limitarase o tránsito de vehículos. A actuación complétase co soterramento das redes eléctrica e de telecomunicacións, coa recollida de augas pluviais, co nova rede de saneamento e abastecemento e con novo alumeado e mobiliario urbano.
A colaboración da Deputación co Concello de Caldas de Reis non se limita unicamente ao Plan Extra. O Concello ten previsto recibir este ano de mans do organismo provincial máis de 1,6 millóns de euros a través de programas do servizo de Cooperación como o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.