HomeDeputaciónsDeputación PontevedraLuis López asina co alcalde de Mondariz-Balneario, César Gil, o convenio para...

Luis López asina co alcalde de Mondariz-Balneario, César Gil, o convenio para investir 575.000 euros na humanización da contorna da Praza de Abastos

- Anuncio -spot_img

O presidente provincial salienta o compromiso da Deputación para cooperar cos concellos na execución de proxectos estratéxicos que modernizan o espazo urbano e crean contornas para o desfrute da veciñanza

A colaboración prevista para este ano do organismo provincial co Concello de Mondariz-Balneario a través dos plans de Cooperación é de arredor de 900.000 euros

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acaba de asinar o convenio de colaboración co alcalde de Mondariz-Balneario, César Gil, para o financiamento do proxecto de humanización da contorna da Praza de Abastos. Un acordo asinado no marco do Plan Extra, o plan de investimentos do goberno provincial que mobiliza ata 38 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para executar proxectos estratéxicos. No Pazo provincial, López e Gil selaron un acordo para impulsar a actuación, que ascende a 575.000 euros e que serán financiados pola Deputación de Pontevedra cunha achega de 489.000 euros ao abeiro deste plan.

O proxecto transformará o espazo nunha área máis funcional, accesible e integrada a través da reorganización das infraestruturas de abastecemento, saneamento, iluminación e telecomunicacións, que se soterrarán e modernizarán para garantir a integración visual e para mellorar a súa eficiencia e mantemento a longo prazo. Tamén se instalarán sistemas de drenaxe que favorezan unha correcta evacuación das augas pluviais, reducindo riscos de acumulación e erosión. A obra tamén inclúe a renovación dos pavimentos co fin de mellorar a súa funcionalidade e estética, e combinaranse con zonas axardinadas e novos elementos de mobiliario urbano, ademais dunha nova iluminación máis eficiente.

A humanización contempla, ademais, a instalación de medidas de seguridade como pasos de peóns elevados e itinerarios accesibles, que fomentarán unha mobilidade sostible e garantirán o acceso ás persoas con diversidade funcional. Por último, tamén contará con elementos decorativos e unha sinalización renovada para reforzar o carácter cultural e social deste punto, co obxectivo de revitalizar a zona e fortalecer a súa identidade como punto de encontro e referencia para a veciñanza.

A colaboración da Deputación de Pontevedra co Concello de Mondariz-Balneario non se limita unicamente ao Plan Extra. O Concello ten previsto recibir este ano de mans do organismo provincial preto de 900.000 euros a través de programas do servizo de Cooperación como o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.

Publicacións Relacionadas