HomeDeputaciónsDeputación PontevedraLuis López asina coa alcaldesa de Marín, María Ramallo, o convenio para...

Luis López asina coa alcaldesa de Marín, María Ramallo, o convenio para investir 1,6 millóns de euros na humanización da rúa Escola de Tiro Naval Janer e a mellora da accesibilidade da Finca de Briz

- Anuncio -spot_img

O presidente provincial salienta o compromiso da Deputación para cooperar cos concellos na execución de proxectos estratéxicos que modernizan o espazo urbano e crean contornas para o desfrute da veciñanza

A colaboración prevista para este ano do organismo provincial co Concello de Marín a través dos plans de Cooperación é de arredor de 2,4 millóns de euros

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acaba de asinar o convenio de colaboración coa alcaldesa de Marín, María Ramallo, para o financiamento do proxecto de humanización da rúa Escola de Tiro naval Janer e a mellora da accesibilidade da Finca de Briz. Un acordo asinado no marco do Plan Extra, o plan de investimentos do goberno provincial que mobiliza ata 38 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para executar proxectos estratéxicos. No Pazo provincial, López e Ramallo selaron un acordo para impulsar a actuación, que ascende a preto de 1,6 millóns de euros e que serán financiados pola Deputación de Pontevedra cunha achega de 1,1 millóns de euros.

O proxecto busca transformar unha zona de elevado tránsito nun espazo urbano accesible, seguro e adaptado ás necesidades dos seus usuarios. Esta actuación céntrase na mellora da conectividade peonil e vehicular entre o núcleo urbano e a Finca de Briz (tamén coñecida como o Parque dos Sentidos), un dos espazos naturais e culturais máis importantes de Marín. A intervención contempla a renovación completa da rúa (na actualidade desproporcionada e ineficiente) cun novo deseño que reducirá a anchura da calzada, priorizando as beirarrúas adaptadas para persoas con mobilidade reducida, e introducindo elementos de mellora da seguridade como pasos elevados e limitación da 30 km/h.

Tamén se soterrarán as redes de telecomunicación e baixa tensión, se renovará a iluminación con novas luminarias eficientes, se renovarán a drenaxe e o saneamento e se reforzará a visibilidade nas zonas de cruce. Ademais, incorporarase un andén mecánico que facilitará o acceso, facilitando o acceso para persoas maiores ou con dificultades de mobilidade. Por último, mellorarase o mobiliario urbano e plantarase arborado.

A colaboración da Deputación de Pontevedra co Concello de Marín non se limita unicamente ao Plan Extra. O Concello ten previsto recibir este ano de mans do organismo provincial arredor de 2,4 millóns de euros a través de programas do servizo de Cooperación como o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.

Publicacións Relacionadas