O presidente provincial salienta a pegada de programas de apoio para o medio rural, como as axudas a cooperativas, o servizo Smart Peme, o +Reto Dixital e Da Túa Man ou os plans +Provincia e Plan Extra
“O medio rural está a consolidarse como un espazo estratéxico para o emprendemento e o desenvolvemento económico sustentable”, afirma López
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presenta en Lalín a primeira entrega do Observatorio de Competitividade – Provincia Extraordinaria centrado no medio rural e que certifica a aposta da Deputación polo financiamento municipal e o impulso do empredemento no rural. Nunha visita á empresa Kalekoi, referente provincial en innovación no sector gandeiro, o mandatario provincial salientou a pegada de programas provinciais de apoio ao sector como as axudas ás cooperativas agrogandeiras, o servizos ofrecidos por Smart Peme, as iniciativas +Reto Dixital e Da Túa Man ou os plans de investimento do Plan Extra e do +Provincia, que fomenta tamén a inserción laboral. “O medio rural está a consolidarse como un espazo estratéxico para o emprendemento e o desenvolvemento económico sustentable”, afirmou o presidente, nun encontro cos fundadores da empresa, Susana Aguiar e Álex Moure, así como con usuarios de Smart Peme
Este Observatorio de Competitividade – Provincia Extraordinaria, impulsado polo organismo provincial a través do Servizo Smart Peme, analizará as fortalezas, oportunidades, retos e debilidades da economñía provincial nos distintos sectores produtivos e sociais. O medio rural é o protagonista desta primeira entrega cun informe que reflexa o peso do sector no conxunto da provincia. Segundo informou o dirixente provincial, máis do 40 % das empresas da provincia están situadas en zonas rurais e o 20 % das afiliacións á Seguridade Social no rural son persoas emprendedoras. “Un aumento da actividade económica que está a axudar a fixar poboación nestas zonas do rural”, valorou López.
“Un sector con moito futuro por diante, pero tamén con moitos retos que afrontar. Pero aí está a Deputación, un apoio sólido e un aliado estratéxico”, puntualizou antes de detallar as propostas impulsadas polo organismo provincial para fortalecer o medio rural. As axudas a cooperativas agrogandeiras, así como os recursos que ofrece o Plan Extra e +Provincia aos concellos “son a resposta da Deputación ante as dificultades de financiamento das entidades privadas e das administracións públicas”, citou o presidente para engadir a continuación, outros plans como a liña de activación de emprego do +Provincia, a asistencia para o uso das novas tecnoloxías do +Reto Dixital, o impulso ao sector servizos do programa Da Túa Man ou o acompañamento aos emprendedores por medio do Smart Peme. “O rural é pasado, presente e futuro. Un longo camiño no que a Deputación estará sempre presente. Somos unha potencia en moitísimas cousas, pero especialmente no afecto e coidado da nosa terra, somos os mellores en sacar uns produtos de calidade excelente e sempre coa sustentabilidade no horizonte”, afirmou López.
Neste punto, o presidente provincial salientou a traxectoria de Kalekoi, unha empresa do medio rural que é toda unha referencia para o sector tanto na provincia como no conxunto de Galicia. “É o modelo perfecto do medio rural na provincia. Dous fillos de gandeiros con estudos universitarios e que iniciaron unha andaina profesional na empresa pero aos que sempre lles tirou ese espírito emprendedor. E, recorrendo á tradición, inician a posta en marcha deste proxecto. Un proxecto exitoso que conxuga tradición e innovación e un modelo para o mundo rural galego. En Galicia, que é unha potencia no sector lácteo pero cun valor engadido moi pequeno, proxectos deste tipo son aos que sempre aspiramos no sector”, afirmou o presidente quen agradeceu e felicitou aos fundadores de Kalikoi, Susana Aguiar e Álex Moure, “por recibirnos e por facer de Kalekoi, de Lalín, do Deza e da provincia, unha referencia de futuro e sustentabilidade no medio rural”, concluíu.