O presidente traslada a Manuel Lourenzo que a Deputación votará unha modificación orzamentaria no Pleno deste venres para entregar os fondos dun proxecto xa executado polo anterior goberno municipal
López avanza ao goberno municipal que disporá en 2025 de 123.000 € do segundo Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, máis do dobre que o ano pasado
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, adiantou ao alcalde de Soutomaior, Manuel Lourenzo, unha entrega de 350.000 euros para financiar a humanización da Praza de Cimadevila e a Rúa Rosalía de Castro e subsanar, deste xeito, o erro herdado do anterior goberno da Administración provincial ao excluír ao Concello de Soutomaior do reparto de fondos do programa ReacPon, tal e como fallou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
O presidente da Deputación recibiu este luns ao rexedor de Soutomaior no seu despacho do Pazo provincial para explicarlle que no vindeiro pleno deste venres sometarase a debate unha modificación de crédito para conceder ao Concello os recursos que lle pertencen e que lle foran negados no 2021 ao non valorar de xeito correcto o proxecto presentado ao ReacPon. A proposta do goberno local, liderado naquel momento polo Partido Popular, recibira unha valoración de 43,25 puntos quedando fóra do reparto de fondos, mais a Xustiza deu a razón á reclamación do Concello sinalando que o proxecto debería ter acadado unha valoración mínima de 61,25 puntos. Un erro que o goberno de Luis López arranxará para facer realidade un proxecto executado polo goberno anterior, e que transformou a devandita praza do municipio.
O ReacPon foi un plan de investimento posto en marcha polo anterior goberno provincial en 2021, financiado en parte a través de préstamos bancarios. Agora, en 2025, a Deputación terá que comezar a súa devolución, a razón de case 3 millóns de euros por ano.
Novo Plan de Infraestruturas Deportivas
Durante o encontro, López adiantou ao alcalde a asignación ao Concello do segundo Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para modernizar os equipamentos municipais. Nomeadamente, Soutomaior disporá de case 123.000 euros, máis do dobre que no ano anterior, cando contou con 57.000. Como novidade neste ano, a Deputación incrementou a asignación mínima aos concellos de 20.000 a 75.000 € para reforzar a aposta polas infraestruturas deportivas, nunha segunda edición dun plan cuxo orzamento pasa de 4 a 8 millóns de euros totais.
Finalmente, a respecto dos actos conmemorativos do 150 aniversario do nacemento de María Vinyals, o Deputación comprometeuse a estudar a documentación achegada polo Concello para render tributo a esta precursora pontevedresa, nacida no Castelo de Soutoamaior.

