En total, trátanse de preto de “5,7 M€ para converter este espazo nun proxecto cheo de futuro; no símbolo da política social da Deputación e tamén da aposta clara, firme e decidida pola cidade de Pontevedra, por dotala de instalacións públicas de calidade, modernas, accesibles e sostibles”, subliñou o presidente
Luis López confirma novos recursos para o Centro Príncipe Felipe, con 680.000 € que acaba de aprobar a Xunta de Goberno da Deputación e que se suman aos 5 millóns de euros xa aprobados nestes dous últimos meses do 2025. En total, trátanse de preto de “5,7 millóns de euros para converter este espazo nun proxecto cheo de futuro; no símbolo da política social da Deputación e tamén da aposta clara, firme e decidida pola cidade de Pontevedra, por dotala de instalacións públicas de calidade, modernas, accesibles e sostibles”, subliñou o presidente provincial.
Os recursos que acaba de aprobar o Goberno da Deputación de Pontevedra distribúense en 468.000 euros para reformar o centro de transformación, o cadro xeral e o grupo da cidade infanto-xuvenil, co obxectivo de renovar as instalacións e solucionar os defectos detectados. Os outros 216.000 euros aprobados nesta Xunta de Goberno destinaranse a adquirir pellets de madeira para as caldeiras de biomasa combustible do recinto.
Xunto con estas contías, que ascenden a 684.000 euros, o presidente Luis López recordou que nestes dous últimos meses do 2025 aprobáronse 3,6 millóns de euros para a mellora do edificio principal de Príncipe Felipe e a outros 1,4 millóns de euros que se destinarán á reforma e modernización integral do seu pavillón deportivo.



