“O turismo é un sector económico fundamental para a provincia e estamos traballando, con liñas de axudas como esta, para impulsar a súa profesionalización e para que os visitantes vivan unha experiencia única e non dubiden cando lles preguntemos Cando volves?”, asegurou o presidente da Deputación
Benefícianse das achegas, que oscilan entre os 6.300 euros e os 14.000 euros, 29 oficinas da provincia, tres máis que o pasado ano
Luis López acaba de confirmar que a Xunta de Goberno aprobou a concesión da liña de axudas para as oficinas de información turística da rede Info Rías Baixas por valor de 260.000 euros, 30.000 euros máis que no 2024. En liñas xerais, benefícianse das achegas, que oscilan entre os 6.300 euros e os 14.000 euros, 29 oficinas da provincia, tres máis que o pasado ano.
“O turismo –asegurou o presidente da Deputación- é un sector económico fundamental para a provincia e estamos traballando, con liñas de axudas como esta, para impulsar a súa profesionalización e para que os visitantes vivan unha experiencia única e non dubiden cando lles preguntemos Cando volves?”. Neste eido, López recordou que estas achegas van dirixidas a financiar o servizo de información e atención ás persoas que visitan a provincia de Pontevedra nas oficinas da rede Info Rías Baixas.
Este 2025 reciben axudas oficinas de turismo e puntos de información turística situados nos concellos de Baiona, Bueu, Cambados, Cangas do Morrazo, A Estrada, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Marín, Meaño, Moaña, Mondariz-Balneario, As Neves, Nigrán (oficina de turismo Dunas de Gaifar e punto de información turística Val Miñor – A Ramallosa), Oia, Poio, Ponteareas, O Porriño, Redondela, Ribadumia, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tui, Vilagarcía de Arousa (oficina de turismo de Vilagarcía de Arousa e punto de información turística do Museo do Ferrocarril) e Vilanova de Arousa (oficina de turismo Mar de Santiago e punto de información turística Casa-Museo Valle-Inclán).