Luis López destaca a pegada no deporte e na sociedade da Estrada dun equipo centenario: “Se somos a provincia do deporte é pola traxectoria de clubs coma o Estradense”

adminON
Lectura mínima de 4

O mandatario provincial participa nos actos de celebración do centenario do CD Estradense, un club que conta co apoio da Deputación, para a que o apoio ao tecido deportivo, a mellora das instalacións e a organización de eventos son áreas estratéxicas

“O segredo do fútbol reside no compañeirismo e o sentimento de pertenza. E vendo o numerosa e unida que está a familia do CD Estradense, podemos confirmar que non fan falta museos cheos de trofeos para estar orgulloso do noso equipo”, afirmou López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de participar este sábado na celebración do acto do centenario do Club Deportivo Estradense, que tivo lugar no pazo de Xerlís da Estrada. Un club que recibe o apoio da Deputación pola súa participación en competicións de ámbito nacional e do que o mandatario provincial destacou a súa traxectoria centenaria, os valores do deporte que inculca na súa canteira e o apoio que aglutina por parte de afeccionados da súa comarca e de toda Galicia. “Se somos a provincia do deporte é principalmente pola traxectoria impecable de institucións coma o CD Estradense”, afirmou o presidente López, despois de recibir un agasallo por parte do club durante os actos de celebración.

“O segredo deste deporte para ser considerado en todo o mundo como o deporte rei, non reside nas grandes competicións, nin nas grandes estrelas, nin nos grandes clubs; senón en algo moito máis subxectivo: o compañeirismo e o sentimento de pertenza. E hoxe, vendo o numerosa e unida que está a familia do CD Estradense, coido que podemos confirmalo. Non fan falta museos cheos de trofeos para estar orgulloso do noso equipo: Un equipo centenario como o Club Deportivo Estradense”, reflexionou o presidente sobre un dos clubs de fútbol de maior historia da provincia.

Neste sentido, Luis López puxo en valor o bo traballo que está a realizar o equipo adestrado por dúas figuras destacas da historia recente do club como son Javichu e Manuti, que manteñen vivo o soño de pelexar polo ascenso a Segunda RFEF no ano do centenario da entidade. “A ilusión por vivir este ano unha fase de ascenso xa é un bonito agasallo”, recoñeceu López, quen aproveitou para felicitar a todas as directivas e a afección do equipo polo seu labor ao longo dun século de historia.

O apoio aos equipos de fútbol da provincia forma parte do compromiso que a Deputación de Pontevedra está a demostrar co deporte. Un pilar da acción do goberno da Deputación que se traduce nun Plan Estratéxico de Infraestruturas Deportivas dos concellos dotado con 8 millóns de euros, dos que á Estrada lle corresponden este ano  o apoio a deportistas, clubs e federacións e unha aposta decidida pola organización de eventos deportivos de interese xeral.

Comparte este artigo