Luis López destaca o acordo para transferir a titularidade do Carlos Oroza á Xunta como exemplo de colaboración institucional para mellorar os servizos da provincia

adminON
Lectura mínima de 3

O presidente provincial comprobou o remate das obras de ampliación deste centro de formación co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro Román Rodríguez

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reiterou a vontade colaboradora entre o goberno provincial e autonómico durante unha visita ao CIFP Carlos Oroza para comprobar o remate das obras de ampliación levadas a cabo neste centro de formación pontevedrés. Acompañado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda; e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez; o mandatario provincial puxo como exemplo o protocolo asinado entre a Xunta e a Deputación para a transferencia da titularidade dos centros educativos de Príncipe Felipe para ilustrar a colaboración leal e fluída entre as dúas administracións “para ofrecer os mellores servizos”.

O titular do goberno provincial tivo tamén palabras de recoñecemento para os profesionais que imparten as titulacións do Carlos Oroza, un centro de referencia a nivel nacional en áreas como a Hostalería e o Turismo. “O Carlos Oroza é unha extraordinaria canteira da que saen cada ano profesionais que constrúen un destino turístico, as Rías Baixas, único e en crecemento. Dúas calidades que poden aplicarse tamén a este centro”, recoñEceu Luis López. Neste sentido, o dirixente da Deputación desexou que con estas novas instalacións o centro consiga “acadar novas metas” que sirvan para impulsar a nosa hostalaría, turismo e economía.

Do mesmo xeito, Luis López reiterou o compromiso da Deputación para seguir tendendo pontes con administracións como a Xunta para beneficiar a toda a cidadanía da provincia. Neste sentido, agradeceu o “esforzo e impulso económico” promovido pola Xunta tanto na cidade de Pontevedra como no conxunto da provincia. Un apoio que se viu reflexado en convenios como o asinado entre ambas as administracións para a restauración do convento de Santa Clara ou as transferencias de titularidade da Escola de Cantería ou o Pazo de Lourizán. Uns acordos que servirán para “ofrecer mellores servizos” o cos que a Deputación seguirá “a dar cumprimento das súas obrigas e deberes”, rematou Luis López.

Comparte este artigo