O presidente provincial, acompañado por membros do goberno, visita a residencia que ten a Asociación en Pontevedra e o proxecto Natura XXIII, que conta co apoio da Deputación, para xerar emprego e actividade económica no sector forestal e comercial
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destaca o labor que desenvolven entidades como a Asociación Juan XXIII a prol das persoas con discapacidade para promover o seu benestar, independencia e inserción laboral a través de distintas iniciativas coma a residencia e centro de día que abriron en Pontevedra ou o proxecto Natura XXIII posto en marcha na contorna do Lago de Castiñeiras, en Marín, a través da Fundación Juan XXIII para xerar actividade económica e dinamizar a economía local ao tempo que se pon en valor a natureza e refórzase a inserción laboral dos usuarios. Acompañado por membros do goberno provincial, o presidente percorreu coñeceu da man dos responsables da Asociación e a Fundación Juan XXIII os detalles dos proxectos que teñen en marcha e que contan co apoio do ente provincial.
A visita comezou pola sede da residencia e centro de día inaugurada pola Asociación Juan XXIII a finais do ano pasado para, a continuación, desprazarse ata Cotorredondo, na contorna do Lago de Castiñeiras, para comprobar a posta en marcha do proxecto Natura XXIII, para o que este ano a Fundación ten en fase de solicitude unha axuda de 10.000 euros, a mesma que xa lle fora concedida nos dous exercicios anteriores. Non é a única vía de colaboración entre o organismo provincial e esta entidade, tamén cooperan no proxecto “Vivenda de respiro familiar”, polo que recibiu no ano 2024 un apoio de máis de 3.800 euros.
Acompañado polos deputados de Benestar Social, Sandra Bastos; Acción Comunitaria, Javier Tourís; e da responsable de Cooperación e alcaldesa de Marín María Ramallo; o presidente Luis López reafirmou o compromiso da Deputación coa colaboración con entidades como Juan XXIII, que prestan un labor fundamental para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e dos seus familiares. Así mesmo, tamén fixo fincapé no impacto que estas iniciativas teñen no eido local, pois ademais de facilitar a integración laboral e social dos usuarios, dinamizan o comercio local, poñen en valor un espazo natural coma o do Lago de Castiñeiras e xeran actividade económica sustentable en sectores coma o comercio, a hostalaría e o forestal.