O presidente da Deputación inaugurou este xoves a terceira mesa de traballo sobre a Axenda Rural e Urbana da Provincia na que participaron rexedores, concelleiros, técnicos e representantes do tecido asociativo da comarca do Deza
“Lalín e a súa comarca é a capital do noso agro, un sector de moito peso e tradición na nosa economía e no noso emprego. E tamén con moito futuro”, afirmou Luis López
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, continúa coa serie de presentacións da Axenda Rural e Urbana da Provincia de Pontevedra (AUPO2030). Este mércores o mandatario provincial inaugurou a mesa de traballo correspondente á comarca do Deza. É o terceiro acto deste tipo logo da celebración das de Pontevedra e O Morrazo, ademais da de Vigo. Na súa intervención, o titular do organismo provincial fixo fincapé no reto demográfico pola súa importancia en zonas como a do Deza e tamén repasou os investimentos e iniciativas postas en marcha pola Deputación para acadar os obxectivos de sustentabilidade recollidos na Axenda Europea 2030. “Lalín e a súa comarca é a capital do noso agro, un sector de moito peso e moita tradición na nosa economía e no noso emprego. E tamén con moito futuro”, afirmou Luis López.
Nun acto no que estiveron presentes a deputada encargada de Fondos Europeos, María Ramallo; rexedores e concelleiros dos municipios da comarca do Deza, técnicos e profesionais da administración local e representantes do tecido asociativo desta área, o presidente reiterou a vocación “municipalista” da Deputación, que xa escoitou as necesidades dos alcaldes da provincia para elaborar os orzamentos e o Plan +Provincia e volverá ter en conta as súas inquedanzas para “planificar a folla de ruta para o futuro da nosa provincia”, que pasará pola sustentabilidade no económico, o social e o medioambiental.
Neste sentido, o presidente detallou uns “obxectivos irrenunciables” marcados polo goberno provincial que adquiren, se cabe, “maior transcendencia” no tocante á comarca do Deza. Referiuse López ao reto demográfico, que conta por primeira vez na historia da Deputación cun departamento propio centrado tamén na Xuventude. Ademais, os criterios para o reparto de fondos do +Provincia ten en conta a perda de poboación dos municipios. Do mesmo xeito, a Deputación está a poñer en marcha iniciativas encamiñadas a paliar o despoboamento do rural como HUB para a loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada, no que participan concellos como o de Forcarei.
Recordou tamén o mandatario provincial o reforzo da partida orzamentaria destinada á Cooperación cos concellos ata os 66 millóns de euros, a creación dun Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas dotado con 4 millóns; ou o +Provincia cun orzamento de 48,2 millóns de euros que engloba unha cuarta liña destinada á planificación de proxectos transformadores dotado con 1,2 millóns de euros. Así mesmo, Luis López salientou que no que vai de ano a Deputación mobilizou 6,8 millóns de euros para a contratación de 550 persoas en 44 concellos da provincia ou os 1,4 millóns de euros asignados a sete concellos da provincia ao abeiro da Liña 1 de investimentos do + Provincia.
Ao longo de toda a mañá, os asistentes traballaron sobre un plan que recolle os desafíos e oportunidades de futuro que debe afrontar a provincia. Deste xeito, os asistentes participaron en tres dinámicas de traballo dirixidas a pensar e poñer en común iniciativas relacionadas co desenvolvemento sostible nesta comarcas. Unha xornada de traballo que ao longo das vindeiras seguirá levándose a cabo no resto das comarcas que forman a provincia de Pontevedra.
Despois de expresar a súa ledicia por participar nesta mesa de traballo da comarca do Deza, unha visita sempre especial ao ser natural e exalcalde de Rodeiro, o presidente provincial rematou a súa intervención agradecendo e animando a todos os asistentes a traballar polo futuro da provincia. “Pretendemos traballar na nosa Axenda Rural e Urbana, unha estratexia da que teñen que formar parte non só a Administración local, tamén o tecido asociativo e empresarial da provincia; un proxecto de futuro centrado na atención ao noso medio rural e en desenvolver todo o potencial das nosas cidades; e unha folla de ruta marcada pola sustentabilidade na industria, no turismo, na mobilidade e no urbanismo”, concluíu Luis López.

