HomeDeputaciónsDeputación PontevedraLuis López destaca os 6,25M€ mobilizados pola Deputación nos seis concellos da...

Luis López destaca os 6,25M€ mobilizados pola Deputación nos seis concellos da comarca de Vigo para executar obras que “levaban anos agardando a súa oportunidade”

- Anuncio -spot_img

O presidente provincial resume nun encontro no Porriño diante de alcaldes dos seis concellos desta comarca os proxectos que está a financiar a Deputación a través do primeiro Plan Extra, do que se benefician os 59 concellos de menos de 50.000 habitantes

A Administración provincial destina 4,3M€ a través dos fondos do +Provincia e do Plan Extra para financiar o maior parte dos proxectos propostos polos gobernos locais do Porriño, Mos, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes, Redondela e Soutomaior

A través da primeira convocatoria deste plan, a Deputación fai posible a execución de tres humanizacións e actuación en tres prazas públicas

O prazo de presentacións de solicitudes para a segunda convocatoria do Plan Extra pecha cun novo éxito de concorrencia: os 59 concellos de menos de 50.000 habitantes volveron pedir subvencións para executar proxectos estratéxicos

“Este proxecto é moito máis ca un simple plan extraordinario de investimentos nos concellos. É un proxecto de provincia no que os concellos achegan as ideas e a Deputación, os recursos para executalas, moitas delas ao 100 %”, sostén López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salienta os 6,25 millóns de euros mobilizados este ano a través do Plan Provincia Extraordinaria Plan Extra nos seis concellos da comarca de Vigo. O mandatario provincial continúa no Porriño a serie de encontros comarcais iniciada hai unha semana en Moraña para facer balance dos proxectos postos en marcha ao abeiro da primeira convocatoria deste novidoso programa que, dotado con 38M€ de euros de orzamento, atendeu o 100 % das solicitudes presentadas beneficiando aos 59 concellos de menos 50.000 habitantes da provincia. “Este proxecto é moito máis ca un simple plan extraordinario de investimentos nos concellos. É un proxecto de provincia no que os concellos achegan as ideas e a Deputación, os recursos para executalas, moitas delas ao 100 %”, definiu Luis López a vocación dun plan que xa ten en marcha a súa segunda convocatoria, que volveu ser un éxito absoluto de concorrencia.

No Concello do Porriño, diante de rexedores, concelleiros e representantes do tecido veciñal dos seis concellos —O Porriño, Mos, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes, Redondela e Soutomaior— que integran a comarca de Vigo, o presidente da Deputación puxo o foco no carácter estratéxico e transformador dos sete proxectos que se están a executar xa ao abeiro deste Plan Extra, do papel da Deputación para financiar a maior parte das obras, o 100 % nalgúns casos; e na lealdade institucional do executivo provincial para respectar a autonomía dos gobernos municipais á hora de decidir os proxectos a desenvolver. “Co Plan Extra a autonomía dos concellos acada unha nova dimensión ao dotar á Deputación das ferramentas necesarias para facer realidade esa obra tan necesaria e que tantos anos estaba agardando a súa oportunidade nun caixón. Falamos dun proxecto global para os 59 concellos pequenos e medianos, pero todos extraordinarios; que nós convertemos en estratéxico para unha provincia extraordinaria”, afirmou López.

Entre os proxectos beneficiarios das subvencións deste Plan Extra na comarca de Vigo está o da creación dun novo espazo público na praza Pío XII presentado polo Concello do Porriño cun orzamento de 2 millóns de euros que recibe unha subvención por parte do organismo provincial de 1,1M€. Unha actuación transformadora que foi posta en valor por representantes da Asociación de Amas de Casa Rosais, que tamén participaron neste encontro. Continuou o presidente explicando as obras postas en marcha con esta convocatoria citando a humanización e instalación dun ascensor na Praza da Petanca proposto polo Concello de Redondela ao que a Deputación achega 700.000€ dun total de 1M€. En Fornelos de Montes, a administración que preside Luis López aporta 280.000€ para a urbanización da praza pública, valorada en 330.000€. E en Soutomaior, a achega provincial de 700.000€ permite facer realidade o proxecto de reurbanización do centro urbano de Arcade, valorado en 1,2M€. Nestes casos, os concellos completan cada un dos orzamentos con fondos propios ou con subvencións doutras administracións porque “premiamos a capacidade dos gobernos locais para conseguir recursos doutras administración, sen ningún tipo de cláusula que os penalicen”, puntualizou López.

O +Provincia complementa os investimentos

Sen embargo, noutros casos a Deputación achega o 100% dos investimentos. “A posibilidade de combinar os fondos dos plans +Provincia é do Plan Extra é unha mostra desa flexibilidade e autonomía que propoñemos desde a Deputación e á que recorreron moitos rexedores para financiar as súas obras”, puntualizou Luis López antes entrar ao detalle dos proxectos impulsados a través deste mecanismo. En Mos, a combinación dos recursos destes dous plans permiten unha inxección de 1,2 millóns de euros para financiar a maior parte do proxecto humanización da estrada de Pereiras a Tameiga, que completa o Concello cun aporte de 300.000€. Mentres que  en Pazos de Borbén, o proxecto para mellora do Campo da Feira de Moscoso recibe un total de 300.000€ destes dous plans para financiar o 100% da obra.

En suma, a primeira convocatoria do Plan Extra da Deputación serviu para mobilizar un total de 6,25 millóns de euros nos seis concellos da comarca de Vigo, dos que o organismo provincial achega 4,3 millóns. Un revulsivo que terá continuidade o vindeiro ano, porque a segunda convocatoria do Plan Extra vén de pechar recentemente o prazo de presentación de solicitudes e supuxo novamente un completo éxito de participación. “Unha nova demostración da cantidade de proxectos ambiciosos e creativos que os concellos teñen preparados para executar en canto teñen a oportunidade”, dixo López, quen adiantou que no caso destes concellos inclúen un conxunto de seis propostas que suman un investimento total de 6,5M€ que se atopan xa en fase de valoración.

Compromiso co rural

A colaboración da Deputación cos concellos pequenos e medianos da provincia resulta crucial para executar proxectos estratéxicos que teñen o obxectivo de mellorar as infraestruturas e os servizos para mellorar a calidade de vida da veciñanza que vive nestes municipios, moitos deles enclavados en contornas rurais e afectados polo reto demográfico. Con todo, a achega do organismo que preside Luis López non se limita unicamente á execución deste tipo de proxectos, tamén promove a actividade cultural, social ou turística a través de iniciativas de todo tipo.

“Escoller O Porriño para organizar este encontro é moi pertinente”, declarou o presidente para contextualizar a celebración deste encontro nun concello do interior que é un dos motores económicos da provincia e que será tamén un dos beneficiados do esforzo investidor que deixará o vindeiro ano 128M€ nos concellos pequenos e medianos da provincia a través dos plans de cooperación +Provincia, Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas e Plan Extra. “Esta é unha provincia de 61 concellos cos que estamos comprometidos en todo, con toda a forza da que dispoñemos”, concluíu o presidente Luis López. 

Publicacións Relacionadas