O presidente provincial, acompañado polo alcalde e deputado Alejandro Lorenzo, comproba o remate das obras de ampliación e mellora da accesibilidade do pavillón do CEIP Fernández López valoradas en 157.000€ e executadas ao abeiro do primeiro PEID
“Cando nos referimos á provincia do deporte tamén falamos da modernización dos equipamentos municipais, nos que investiremos 20M€ en tres anos”, salienta López
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presenta como un novo salto cara diante da “provincia do deporte” o remate das obras de ampliación e mellora da accesibilidade do pavillón do CEIP Fernández López do Concello do Porriño. Unha actuación valorada nun total de 157.000 euros, dos que o organismo provincial financia 121.000 euros ao abeiro da primeira convocatoria do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. Nun percorrido polas dependencias deste pavillón acompañado polo alcalde e deputado provincial, Alejandro Lorenzo, o presidente da Deputación puxo de manifesto o impulso por valor de 525.000€ cos recursos das tres convocatorias aprobadas deste plan para modernizar as instalacións municipais do Porriño que marcarán un antes e un despois para a práctica deportiva neste concello.
“Cando nos referimos á provincia do deporte referímonos tamén ao impulso que estamos a dar desde a Deputación para modernizar instalacións deportivas nos concellos a través dos Plans Extraordinarios de Infraestruturas Deportivas, que xa ten en marcha a súa terceira edición con 8 millóns de euros de orzamento que, sumados aos dous anteriores, supón un investimento de 20 millóns de euros en tres anos”, salientou o presidente, quen puntualizou que, no caso do Porriño, supón unha inxección de máis de medio millón de euros con estas tres edicións.
A intervención consistiu na ampliación e mellora da accesibilidade no pavillón e na cancha do exterior do mesmo, o que permite contar cun maior espazo de xogo interior, así como a creación de dous aseos adaptados, dous vestiarios, dous aseos para os árbitros e un almacén. As obras centráronse en tres ámbitos, por un lado procedeuse á demolición dunha grada existente e parte da fachada sur para dar unha maior dimensión ao terreo de xogo. Así mesmo, reformouse a contorna exterior do pavillón para corrixir os problemas de humidade e levouse a cabo unha mellora da accesibilidade exterior ao pavillón, a través da apertura dun oco no muro que separa o centro educativo do pavillón e construíndo unha rampla para o acceso desde o exterior. “Unha obra completada en tempo e forma grazas á extraordinaria xestión dun alcalde, Alejandro Lorenzo, capaz de presentar, desenvolver e executar proxectos serios, maduros e ambiciosos a través da colaboración entre administracións”, recoñeceu Luis López.
A colaboración da Deputación co Concello do Porriño non se limita só a esta mellora do pavillón do colexio Fernández López. En materia deportiva, o goberno local recibirá de mans do organismo provincial uns 525.000 euros a través dos distintos Plans Extraordinarios de Infraestruturas Deportivas. Na primeira convocatoria, a achega provincial foi de 121.000€, e na segunda, de 204.400€. Un importe que será similar nesta terceira convocatoria, aínda que a cifra concreta non se coñecerá ata que remate o procedemento de presentación e tramitación das solicitudes. Ademais, neste ano 2025 a Deputación mobilizou no Porriño un total de 2,4 millóns de euros a través dos programas de cooperación +Provincia, Plan Extra e o devandito PEID.