Presidente e vicepresidente animan a toda a cidadanía e visitantes a desfrutar dunha Bienal, “un dos maiores retos para o Museo”, que atraerá aos mellores artistas contemporáneos e exhibirá obras de arte de multitude de países
O titular do goberno provincial salienta o “papel clave” que xoga a Bienal na estratexia de descentralización da programación cultural da provincia: “É a primeira vez que a Bienal vai saír a outros concellos como Vigo, O Grove, Sanxenxo e Ponteareas”
“A Bienal consolidará a Pontevedra como un eixo cultural, e desde aquí convidamos a todo o mundo a desfrutar da cidade nesas datas”, afirmou Domínguez
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o vicepresidente Rafa Domínguez compareceron este mércores ante a imaxe institucional da triséximo segunda edición da Bienal de Arte de Pontevedra, que recupera o goberno provincial este ano despois de 16 anos de ausencia. Nas escaleiras exteriores do Pazo provincial e coa presenza do equipo artístico da Bienal, o mandatario provincial remarcou a transcendencia que terá esta Bienal que comezará no mes de xuño para consolidar á provincia como unha “potencia cultural” que avanza na estratexia de “descentralización” da programación cultural posta en marcha polo executivo da Deputación. “É unha perspectiva que estamos implantando e está a funcionar. A Bienal vai ter un protagonismo especial porque será a primeira vez que vaia a outros concellos como Vigo, O Grove, Sanxenxo e Ponteareas dentro da sección de Artes Vivas”, salientou o presidente Luis López.
O acto celebrado esta mañá de mércores no exterior do Pazo provincial serviu para dar a coñecer a imaxe promocional da Bienal de Arte que xa está visible en múltiples soportes publicitarios repartidos pola cidade de Pontevedra. Baixo o lema A Arte Volve, preséntase unha campaña que “ten unha estética moi moderna, cunha Deputación moderna, un Museo de Pontevedra moderno e unha Bienal moderna”, definiu o vicepresidente e responsable do Museo e da Bienal, Rafa Domínguez.
“Somos unha potencia cultural e aí a Bienal xoga un papel clave, non só nesta edición do 2025 senón en todas as futuras que se celebrarán”, subliña o presidente provincial, quen remarca o impulso que a Deputación está a dar á programación cultural da provincia a través doutras iniciativas como os recentemente presentados Rías Baixas Film Fest, os festivais de música de verán Rías Baixas Fest ou programas como o +Escénicas, que espallan por toda a provincia o mellor teatro e danza de Galicia. “Non podemos estar máis que satisfeitos por dar outro paso coa presentación da imaxe da Bienal, logo virá a inauguración pero antes seguiremos anunciando artistas”, anticipou Luis López, quen quixo recoñecer o traballo que están a realizar todas as persoas implicadas na organización da Bienal, “un dos maiores retos que está a afrontar o Museo de Pontevedra en canto á organización e os recursos”.
Neste punto, o vicepresidente Rafa Domínguez puntualizou que o investimento que realizará a Deputación para a recuperación da Bienal de Arte estará próximo ao 1,6M€. “Un orzamento moi proporcionado se temos en conta que “traemos obras de arte de doce países do mundo, artistas que veñen aquí a facer as súas obras in situ, que é algo que son fan as bienais de moita importancia”, salientou o dirixente, quen puxo en valor a participación, entre os máis de sesenta artistas convidados, dun dos de maior prestixio do mundo como Hans Haacke.
“Unha Bienal de Arte é, en primeiro lugar, un espazo para o desfrute do que agardamos que todo o mundo participe. E en segundo lugar, un espazo para a reflexión, para pensar na actualidade e avanzar no pensamento de toda a sociedade”, explicou Domínguez para convidar a toda a provincia e as persoas que visiten as Rías Baixas a participar na programación deste evento cultural para que “se deixen impactar pola Bienal”, un evento que consolida á cidade e á provincia “como un eixo cultural do que convidamos a todos a desfrutar”, remataron López e Domínguez.