O presidente provincial, acompañado pola deputada Sandra Bastos, dá a coñecer os detalles da segunda edición deste programa pioneiro que subvenciona con 180.000 € case 3.000 prazas en 12 hoteis de sete concellos da provincia para familias
“Lecer en Familia conxuga a mellor atención ás familias cunha oferta turística extraordinaria poñendo a súa disposición unha fin de semana de relax nos mellores establecementos da provincia, aos que apoiamos en tempada baixa”, afirma Luis López
Vilagarcía de Arousa, 12 de maio do 2025. O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de presentar a segunda edición dun programa pioneiro e exitoso como o Lecer en Familia, unha proposta do goberno provincial para apoiar o sector hostaleiro da provincia en tempada baixa e ofrecer ás familias unha proposta de ocio atractiva e asumible para desfrutar dun paraíso coma as Rías Baixas, que recibe un investimento de 180.000€ por parte do organismo provincial. “Unha proposta pensada para que as familias que temos a fortuna de vivir neste paraíso das Rías Baixas, poidamos desfrutalo tanto como os que nos visitan”, explicou o presidente os detalles desta nova entrega de Lecer en Familia, na que tamén participou a deputada de Benestar Social, Sandra Bastos; e que tivo lugar no Hotel Pazo O Rial, establecemento hostaleiro de Vilagarcía que participa no programa.
A través desta segunda edición de Lecer en Familia, a Deputación pon á disposición das familias da provincia un total de 2.957 prazas en réxime de media pensión para fins de semana ou festivos con dúas actividades de animación sociocultural para a unidade familiar incluídas, das que o organismo provincial financia 60 euros do custo, polo que cada beneficiario só terá que abonar 30,80 euros. Con todo, contémplanse tres excepcións. Os menores de 12 anos pagarán só 15,40 euros, mentres que para os menores de dous anos será gratuíto. Do mesmo xeito, resérvanse 50 prazas en réxime especial, para aquelas persoas en situación de vulnerabilidade tamén será gratuíto. Para ser beneficiario destas axudas é necesario formar parte dunha unidade familiar con menores a cargo e que teñan a residencia fixada na provincia de Pontevedra. “Temos tan claro o importante que son as familias para o avance desta provincia que, por vez primeira na historia da Deputación, deseñamos un programa no que as convertemos en protagonistas”, subliñou a deputada responsable da área de Benestar Social, Sandra Bastos.
Os interesados poderán facer as súas reservas nalgún dos 12 establecementos adheridos ao programa, que pertencen aos concellos de Sanxenxo, Pontevedra, Vigo, Vilagarcía, Lalín, Baiona e Moaña; ata o 16 de maio. No caso de que a demanda supere á oferta, como aconteceu na primeira edición, a concesión de prazas realizarase por sorteo e os beneficiarios poderán efectuar as súas reservas desde outubro deste ano ata marzo do ano que vén. “Un programa novidoso e pioneiro que estreamos no 2024 e resultou ser un éxito rotundo. A demanda foi abrumadora, máis de 7.000 peticións; as preto de 3.000 prazas esgotáronse e a resposta dos beneficiarios foi inmellorable. Así que este ano volvemos poñelo en marcha con forzas renovadas”, sinalou López.
Neste sentido, o presidente da Deputación salientou o dobre beneficio que supón a posta en marcha desta iniciativa. “Lecer en Familia conxuga a mellor atención ás familias por parte do servizo de Benestar Social cunha oferta extraordinaria do Servizo de Turismo para apoiar ás familias con menores poñendo á súa disposición unha fin de semana de relax nunha selección dos mellores establecementos hoteleiros da provincia, apoiar ás persoas e familias con menos recursos da provincia, reservando prazas gratuítas para elas e apoiar os establecementos hoteleiros da provincia en tempada baixa”.
Unha estancia con premio
A presentación desta segunda edición do programa Lecer en Familia serviu tamén para desvelar o nome da persoa gañadora do concurso de fotografías. Patricia Neira, pola súa fotografía “Guerra de Almofadas”, é a gañadora dun premio consistente nunha noite en réxime de media pensión con almorzo e acceso ao spa no hotel Nuevo Astur de Sanxenxo. “A imaxe reflexa á perfección o sentido deste programa: unha familia pasándoo en grande, nun aloxamento de primeira e desfrutando do noso destino turístico, dispoñible os 365 días do ano”, recoñeceu o mandatario provincial, quen fixo fincapé que esta proposta da Deputación avanza na estratexia de descentralizar e desestacionalizar a actividade turística na provincia.
Despois de poñer en valor o labor do Servizo de Benestar Social polo deseño deste programa e a implicación do sector hostaleiro da provincia, o presidente reafirmou “a aposta da Deputación por consolidar ás Rías Baixas como un destino turístico sustentable e ligado ao territorio cunha oferta descentralizada e desestacionalizada”, salientou o “excelente trato” que presta o sector aos visitantes “que nos converte nun destino turístico de referencia” e convidou a todas as familias da provincia a participar nesta segunda edición de Lecer en Familia porque “a experiencia será coma esta provincia: extraordinaria”, rematou Luis López.