HomeDeputaciónsDeputación PontevedraLuis López estuda o trazado da Vía Verde entre Pontevedra e Arcade,...

Luis López estuda o trazado da Vía Verde entre Pontevedra e Arcade, que comezará pola desafectación dos terreos do Adif en favor da Deputación

- Anuncio -spot_img

O mandatario provincial, acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez, mantén un encontro de traballo cos responsables da Fundación de los Ferrocarriles Españoles, que xa están a redactar o plan de factibilidade do proxecto

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, estuda o percorrido e as diferentes alternativas ao trazado da Vía Verde entre Arcade e Pontevedra nun encontro de traballo, no que tamén participou o vicepresidente Rafa Domínguez, cos responsables da Fundación de los Ferrocarriles Españoles. Esta entidade, encargada da redacción do plan de factibilidade do proxecto, presentará unha proposta nos vindeiros catro meses, aínda que o prazo está condicionado aos tempos do Adif para desafectar os terreos e completar os trámites pertinentes.  “Analizamos todas as posibilidades para afrontar o traballo, que estará condicionado polos permisos que poidamos obter do Adif”, explicou o presidente provincial.

A reunión do presidente López e o vicepresidente Domínguez co director de desenvolvemento corporativo, Antón Varela; e co xefe de proxectos técnicos da xerencia de Vías Verdes, Ricardo Huerga, da Fundación de Ferrocarís Españoles serviu para marcar os pasos a seguir neste inicio de tramitación do proxecto. O primeiro paso será a solicitude oficial da desafectación dos terreos ao Adif en favor da Deputación de Pontevedra, institución que promove e lidera o proxecto. Unha vez superado ese trámite, será o momento de deseñar o trazado e buscar as alternativas naqueles puntos onde a senda non poida discorrer polos treitos ferroviarios en desuso.

Así mesmo, advertiu López que a convivencia entre a vía en desuso e a que aínda está activa, con escasos metros de separación, obrigará aos promotores do proxecto a buscar unha solución que garanta a viabilidade do proxecto e a seguridade dos usuarios. Neste sentido, o presidente tendeu a man aos concellos de Soutomaior, Vilaboa e Pontevedra, polos que transcorre este itinerario, para que acheguen as súas propostas.

“Falamos dunha vía en desuso, que discorre entre Pontevedra e Arcade, duns 10 quilómetros. Queremos facela apta para peóns e ciclistas. Esta reunión senta as bases dun traballo de campo que temos que realizar para que a Vía Verde, da que tanto se falou pero que nunca tanto impulso se lle deu como agora, sexa unha realidade”, remarca o presidente.

Completar a Vía Verde entre Vigo e Vilagarcía é o obxectivo final do organismo que preside Luis López, unha meta que comeza co treito entre Arcade e Pontevedra, para o que xa se están a dar os primeiros pasos. “É un proxecto estratéxico para a Deputación e a provincia, querémolo facer coa máxima celeridade posible pero sendo conscientes de toda a tramitación que hai que facer no que se refire ao Adif”, concluíu o presidente Luis López.

A Fundación de los Ferrocarriles Españoles é a entidade adxudicataria da redacción do estudo de factibilidade deste treito da futura Vía Verde. Unha institución con corenta anos de traxectoria, unha voz autorizada a nivel nacional en todo o relacionado coas infraestruturas ferroviarias do país e que, ademais do deseño doutras Vías Verdes de referencia en España, foi tamén a encargada de elaborar o inventario de vías de tren en desuso susceptibles de transformarse en Vías Verdes.

Publicacións Relacionadas