A porcentaxe de adopción de animais neste ano sitúase neste ano no 68% fronte ao 29% dos dous primeiros anos do bipartito
Nestes primeiros dous anos de mandato melloráronse equipamentos e realizáronse campañas de concienciación e sensibilización sobre o benestar animal en feiras de mascotas e en centros educativos
O presidente da Deputación de Pontevedra fixo balance da actividade do Centro de Acollida Animal CAAN do organismo provincial, que está a atender a 52 concellos e a recibir un 37% máis de recursos que os que destinaba o anterior goberno. Xusto no día no que o grupo socialista provincial presenta unha moción no Pleno da Corporación provincial sobre o funcionamento do CAAN, Luis López subliña que “non podemos facer nada contra o sectarismo da oposición, pero si podemos presentar datos que lles axuden a combater a súa ignorancia sobre este centro punteiro”.
En liñas globais, o CAAN presta atención a 52 concellos, cun novidoso programa de control de colonias felinas que xa atendeu a preto de 1.200 gatos. Para prestar axeitadamente este servizo público, o goberno de Luis López está a investir neste centro un 37% máis de recursos que o facía a actual oposición, pasando dos 654.000 euros ao máis dun millón que se destina agora cada ano.
Tamén recordou o presidente que se está a traballar divulgando o papel que desenvolve o CAAN e sensibilizando e concienciando á poboación sobre o benestar animal en feiras de mascotas ou de medio natural e acudindo a centros educativos da provincia. Esta liña de actuacións complétase con 30.000 euros consignados no actual orzamento da Deputación para accións e campañas de concienciación.
Ademais, ao longo destes dous anos de mandato tamén se melloraron os quirófanos, os equipamentos de diagnose clínica e está previsto un investimento para comprar equipos de análise bioquímica. “En definitiva –asegurou o presidente- estamos facendo o que debemos e temos que facer que é traballar”.