O mandatario provincial únese á concentración que o municipalismo de toda España organizará este mércores ás portas do Congreso para cumprir cunha reivindicación histórica das entidades locais para modificar o sistema de financiamento
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, viaxará este mércores a Madrid para participar, ás portas do Congreso dos Deputados, nunha concentración para reclamar ao Goberno central o desbloqueo dos remanentes das entidades locais para que poidan executar investimentos, así como a modificación do sistema de financiamento destas administracións, a actualización das entregas a conta para o ano 2025, o abono das liquidacións correspondentes ao exercicio do 2023 e a convocatoria do órgano de diálogo das entidades locais co Executivo que leva tres anos sen reunirse.
O mandatario provincial únese ao municipalismo de todo o país para conseguir unhas reivindicacións históricas que contan co consenso de todos os grupos políticos que forman parte da Federación Española de Municipios e Provincias.
O desbloqueo dos aforros para poder realizar investimentos é unha demanda que o presidente provincial leva expresando desde a súa toma de posesión, pois permitiría inxectar unha importante cantidade de recursos nos concellos e en proxectos estratéxicos para a provincia que contribuirían a seguir modernizando as infraestruturas e os servizos para a veciñanza.