Os recursos da institución provincial cubrirán a maior parte desta actuación que “contribuirá a facer realidade un proxecto esperadísimo por Teis”, asegurou o presidente. O Concello de Vigo achegará 2,1 millóns de euros, o 30% restante
O presidente lamentou que o alcalde dera a volta e cancelara a última hora a súa asistencia ao encontro pactado pola presenza “como unha veciña máis” da vicepresidenta provincial Luisa Sánchez: “Queríamos enviar unha mensaxe de colaboración”
López enxalza o papel de Luisa Sánchez para que o goberno provincial leve mobilizados máis de 30 millóns en Vigo
Luis López e Luisa Sánchez presentaron en Vigo a reforma da piscina de Teis, financiada con 5 millóns de euros pola Deputación de Pontevedra –o 70% do total— e con 2,1 millóns de euros polo Concello de Vigo. Os recursos da institución provincial, que se formalizarán a través do convenio de colaboración anual co Concello de Vigo, cubrirán o 70% desta actuación que “contribuirá a facer realidade un proxecto esperadísimo por Teis, logo do incendio da piscina”, asegurou o presidente.
Ante a presenza dos veciños, presidente detallou que o proxecto consistirá nunha reforma integral da parte exterior, reorganización dos espazos interiores e, en xeral, do conxunto das instalacións, nun prazo previsto de 18 meses “que agardamos que se cheguen a cumprir”.
López, por outra banda, lamentou que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, dera a volta cancelara a última hora o encontro de posta en valor da colaboración acordado, como os que se realizan nos restantes sesenta concellos da provincia, pola presenza da vicepresidenta provincial, Luisa Sánchez, que non ía participar como cargo institucional. “É importante que haxa colaboración, e que se vexa. A xente non quere confrontación e esta era a mensaxe que queríamos lanzar a Vigo, a provincia e Galicia. Cónstame que o alcalde viña pero deu volta polo feito de que estivese aquí, como unha veciña máis, porque as vías son públicas, a vicepresidenta”, explicou.
Luisa Sánchez, a mellor aliada de Teis e de Vigo
López, ademais, puxo en valor o papel desenvolvido pola vicepresidenta Luisa Sánchez, “alguén que se entrega en corpo e alma a recoller as necesidades dos vigueses e tratar de encontrarlles solución. Teis sabe que en Luisa tivo, ten e terá unha alidada e que fará por Vigo o imposible”.
O presidente tamén aproveitou para remarcar o compromiso da Deputación de Pontevedra coa cidade de Vigo. “A Deputación ten palabra e cumpre, por iso cando dixemos que a cidade máis importe da provincia ía ter como mínimo o mesmo trato que co goberno anterior, dito e feito. Aquí está a última pero seguro que non derradeira proba”, asegurou Luis López. Ao respecto, recordou o convenio asinado co Concello de Vigo para executar a nova Grada de Gol, á que a institución destina 13,3 millóns de euros, ou o rescate de 6,2 millóns de euros asinado hai un ano cando a cidade ía perder estes recursos provinciais, ademais da compra e reforma do Cine Fraga coa Xunta de Galicia, que suman máis de 30 millóns de euros mobilizados polo goberno provincial na cidade olívica.



