O presidente provincial lembra que o goberno provincial pon a disposición das cooperativas agrogandeiras un programa de axudas dotado con 350.000 €, o maior apoio da historia da Deputación cunha suba de 100.000 € con respecto ao ano 2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reafirma o apoio ao sector gandeiro da provincia como unha parte fundamental da aposta polo desenvolvemento integral do rural que está a levar a cabo o goberno provincial a través de iniciativas no eido da economía, como incremento do importe do programa de axudas a cooperativas agrogandeiras ata os 350.000 euros, así como iniciativas en materia de medio ambiente, turismo, cultura, deporte ou infraestruturas. Fíxoo na celebración da Feira da Rubia Galega do País que se vén de celebrar este domingo no recinto feiral da parroquia de Río, no Concello de Rodeiro. “Mentres o noso rural teña xente tan traballadora como vós, sempre vai ter futuro. E desde a Deputación estamos comprometidos, como mínimo, a igualar a aposta que facedes cada día”, afirmou o mandatario provincial despois de realizar un percorrido polo evento.
A feira da Rubia Galega do País celebra a súa edición número catorce en Rodeiro impulsada pola Asociación Gandeira de Rubia Galega do País, a cooperativo O Rodo e o Concello. Trátase dun evento que se celebra en diversas localidades galegas para poñer en valor esta raza autóctona de vacún galego. Un acontecemento estratéxico para un concello como Rodeiro e unha comarca como a do Deza dun marcado carácter gandeiro durante o cal se repartiron premios por valor de 3.200 euros en seis categorías e se celebrou unha poxa tradicional de exemplares desta raza.
Na súa intervención, o presidente provincial repasou distintas iniciativas que a Deputación ten en marcha para fomentar o desenvolvemento do rural e afrontar o reto demográfico. “En dous anos de mandato, o compromiso co rural e o sector gandeiro pódese demostrar con feitos. Este ano incrementamos en 100.000€ o orzamento das axudas para fixar unha colaboración sen precedentes de 350.000€ coas cooperativas agrogandeiras da provincia, a maior parte delas establecidas nesta comarca do Deza; e mantemos unha colaboración en feiras como esta da Rubia Galega coma esta que celebramos en Rodeiro ou outras en Silleda ou Lalín; así como reforzo de Finca Mouriscade, que segue sendo a granxa e laboratorio de referencia para impulsar a competitividade das explotacións gandeiras da provincia”, enumerou o presidente.
Unha sensibilidade coa realidade do interior da provincia e do medio rural que vai máis aló do apoio ao sector primario. “O rural é moito máis que agricultura e gandería”, dixo López antes de citar proxectos impulsados pola Deputación como a campaña de promoción turística enfocada no interior da provincia, o apoio á cultura a través de fitos como a entrega dos Premios Mestre Mateo en Lalín, o fomento de rodaxes na comarca como “O segredo das vacas” ou os circuítos do +Escénicas e o +Música para achegar á veciñanza dos concellos medianos e pequenos a mellor cultura. Do mesmo xeito, a Deputación está estendendo a provincia do deporte tamén aos concellos do rural a través dos tres Plans Extraordinarios de Infraestruturas Deportivas xa aprobados, así como a mellora e modernización de infraestruturas e servizos a través de programas como o Plan Extra ou o +Provincia.
Finalmente, o presidente quixo recoñecer o excelente labor que realizan cada día os gandeiros e gandeiras da provincia. “Ccoñezo de primeira man o traballo que desempeñades cada un de vós. E que malia os madrugóns e que este oficio non entende de fins de semana nin festivos, erguédesvos cada día cun sorriso.
Porque este presidente da Deputación, é unha persoa orgullosa de ser veciño de Rodeiro, un fillo de gandeiros concienciado coas necesidades e o potencial dun sector que é motor económico, de benestar e sustentabilidade e un servidor público convencido de que o rural ten futuro e que o único que hai que facer é apostar por el”, rematou Luis López.